Gómez-Reino: “Exiximos que Feijóo e Vázquez dean explicacións e asuman a súa responsabilidade”
Venres, 3 de setembro. O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, denunciou este venres a responsabilidade do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no plan de Iberdrola do baleirado dos encoros de Cenza e As Portas (Ourense).
“A Xunta soubo con moita antelación que os encoros ían baleirarse, pero preferiu quedar de brazos cruzados e pronunciarse cando o custo da electricidade alcanzaba máximos históricos para responsabilizar a outros. Feijóo mentiu sen reparos cando dixo que o seu Goberno non estaba ao tanto do baleirado de Iberdrola”, sinalou Gómez Reino.
Noutra ocasión e despois do baleirado, Feijóo apuntaba as consecuencias deste desaugue ante unha vaga de lumes e insistía en depurar responsabilibidades, omitindo a súa propia e a da Xunta de Galicia por non actuar tendo as competencias e o coñecemento de que se ía efectuar o baleirado dos encoros.
“Os encoros quedaron ao 15% da súa capacidade a pesar de que a eléctrica avisou con semanas de antelación á Xunta de Galicia, podería terse evitado que en plena ola de calor e cos prezos da luz tan elevados, se baleirasen os encoros galegos. A lei galega e as competencias do Goberno galego permiten que a Xunta impida o baleirado dos encoros, mais por desgraza non foi así”, sinalou o secretario xeral de Podemos Galicia.
“A Feijóo tería que lle caer a cara de vergoña por mentir a todas as galegas sobre un ben de primeira necesidade como é a auga, pero el só cumpre a súa propia lei, que é a do silencio. Exiximos que el e a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, dean explicacións e asuman a súa responsabilidade”.