Antón Gómez-Reino: “Coa vosa forza, Galicia estará no Goberno”

O candidato de En Común-Unidas Podemos chamou a mobilizarse o 28 de abril para levar as demandas de Galicia ao Executivo nun acto de campaña celebrado en Compostela.

Audio: https://bit.ly/2IPw9Zf

En Común-Unidas Podemos apelou á forza da xente este martes en Compostela para que Galicia estea no Goberno. O candidato pola provincia da Coruña, Antón Gómez-Reino, chamou á mobilización indicando aos presentes que “coa vosa forza, Galicia estará no Goberno”. O candidato tamén quixo lembrar que os deputados do PSOE foron quen fixeron presidente do Goberno a Mariano Rajoy. “Temos que dicilo cada día en cada conversa”, reclamou o candidato ao Congreso pola Coruña, Antón Gómez-Reino, que incidiu en que “sabemos que cando o PSOE está forte fai políticas de dereitas. Sabémolo porque o fixo coa modificación do artigo 135 da Constitución ou coa reforma laboral. Non fan políticas para a xente se non se lles obriga”.

“Levamos moito tempo trasladando cada loita de cada barrio e de cada vila, trasladando as demandas do país ao Congreso e ao Senado. Agora temos que mobilizarnos para levalas a un Goberno progresista”, animou Gómez-Reino. O cabeza de lista pola Coruña tamén quixo referirse á xente da dereita extrema, considerando que “son unha farsa. Levan vivindo moitos anos desas autonomías que agora din que queren erradicar. Queren volver poñer o servizo militar obrigatorio despois de evitalo cando lles tocaba ir”.

A candidata ao Congreso por Pontevedra, Yolanda Díaz, comezou a súa intervención criticando as propostas económicas do Partido Popular, xa que “non podo entender que o PP faga campaña dicindo que hai que baixar o SMI de 900 euros que lle arrancamos ao PSOE”. Ante esta ameaza, indicou que “hai que ir votar. Temos que derrotalos democraticamente porque non imos permitir que nos arrebaten os nosos dereitos, os dereitos dos traballadores, das mulleres e dos pensionistas. Hai que ir votar para impedir a volta da política en branco e negro. Está en xogo a democracia”.

Díaz criticou o sometemento dos gobernos de PP e PSOE ás multinacionais, e fronte a iso propuxo “dicirlle ás eléctricas que se acabou a broma. Imos facer unha axencia pública de enerxía e baixar o recibo da luza. Xa está ben de saquear ao pobo e os nosos recursos naturais”. Así, concluíu chamando de novo a votar En Común-Unidas Podemos “porque o futuro Goberno decídese en Galicia e decídese En Común”.

O eurodeputado, Ernest Urtasun, apuntou que “o que decidamos nestas eleccións vai definir o que vai ser o noso país a longo prazo”, xa que cre que se presentan modelos totalmente contrapostos. “A dereita está facendo as propostas fiscais máis neolibarais que lembramos. Estamos ante unha contrarrevolución neoconservadora. É indignante que propoñan baixarlle os impostos á grandes fortunas”, valorou. Mentres, “nós defendemos un horizonte totalmente distinto, no que os que nunca pagaron impostos comecen a facelo para financiar a transición ecolóxica que precisamos”, remarcou Urtasun.

No referente á loita contra o cambio climático, Urtasun indicou que “neste mandato o PSOE retratouse coa lei de loita contra o cambio climático e mantivo as nucleares. Din unha cousa pero fan a contraria”. Para o eurodeputado “o que fixo rectificar as políticas do PSOE foi ter 70 deputados de Unidas Podemos marcando a axenda. Sen iso, non van derrogar as reformas laborais e vanse someter aos fondos voitre”.

A candidata ao Congreso por Pontevedra, Ángela Rodríguez Pam, afondou na loita contra o cambio climático tras participar esta mañá nun debate sobre esta cuestión. “O PP chegou a negar o cambio climático e hoxe quere facernos crer que eles son os únicos que poden solucionalo. É espérpéntico, pero sobre todo é unha irresponsabilidade”, sinalou. Segundo afirmou Rodríguez, “cando falamos de horizonte verde e morado, é porque cremos que as cousas están mal e eles non as poden arranxar porque deben favores aos machistas, aos poderes económicos. Non llos deben á xente”. Para finalizar, insistiu en que “hai dúas posibilidades o 28 de abril: un goberno de dereitas ou un de futuro. Para que Galicia teña futuro, ten que estar En Común-Unidas Podemos no Goberno”.

Pola súa banda, a deputada no Parlamento de Galicia, Luca Chao, afondou nesta idea asegurando que “temos na man determinar o próximo Goberno, o futuro está nas nosas mans. Estámonos xogando a subida do SMI, a revalorización das pensións ou a vixencia das políticas contra a violencia machista. O único voto útil en Galicia que garante un cambio, máis dereitos e máis democracia, é o voto a En Común-Unidas Podemos”.