O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas critica a política asistencial dos Gobernos do PP, que “desmontou un modelo de coidados para implantar un modelo de negocio” cos centros para a terceira idade
Compostela, 31 de marzo de 2020.- O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, instou hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a intervir de inmediato as residencias de maiores do país antes de que se agudice a gravísima situación que padecen. “Hai que acabar coa neglixencia e o abandono nas que o Goberno galego mantén eses centros e que xa denunciaron as familias”, dixo.
O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas referíuse á denuncia da Federación Galega de Usuarios de Residencias REDE, que hai tres días reclamou á Fiscalía do Estado e á Policía Xudicial que comprobaran nas propias residencias o incumprimento reiterado de protocolos, ratios de persoal e condicións de seguridade sanitaria que padecen os usuarios dos centros e os profesionais que traballan neles.
“Levamos dúas semanas pedíndolle á Xunta que interveña e medicalice todos os centros de maiores, menores e dependentes do país”, lembrou Gómez Reino. “Pero esas intervencións só se executan cando a situación xa é gravísima e insostible”, subliñou, en referencia a actuación da Administración autonómica nos centros San Carlos, de Celanova (Ourense), e da empresa DomusVi en Vigo e en Cangas, que suman centenares de infectados por Covid-19.
O número de doentes de coronavirus nas residencias galegas da terceira idade supera xa os 400, é dicir máis do 10% de todos os casos positivos detectados no país.
O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas insistiu ademais na “perversidade” do sistema deseñando polos Gobernos de Feijóo para a atención das persoas maiores, que supuxo “desmontar un modelo de coidados para implantar un modelo de negocio” que nestes momentos supón un risco para a saúde dos usuarios.
Segundo datos de REDE, en Galicia hai 22.000 prazas en residencias para maiores, das que 17.000 están xestionadas por empresas privadas. O último informe do Consello de Contas para a Fiscalización do Gasto en Atención Residencial a Persoas Maiores e Dependentes en Galicia recolle que durante os Gobernos de Feijóo reduciuse un 7% o número de prazas en residencias públicas, mentres crecía un 9% a oferta en centros privados e concertados.
Por outra banda, o Grupo Común da Esquerda pedíu hoxe a comparecencia da Conselleira de Política Social ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para que explique a situación das mesmas e rinda contas da actuación do seu departamento.
Podes escoitar o audio aquí