O voceiro de Galicia en Común Anova-Mareas lamenta que o presidente da Xunta siga a tapar “con propaganda” unha xestión neglixente na loita contra crise da Covid-19
Compostela, 27 de abril.- O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, reclamou hoxe a Alberto Núñéz Feijóo que “escoite” á sociedade galega e aos seus representantes políticos e que deixe de tomar en solitario decisións descoordinadas que obstaculizan a loita contra a crise e a epidemia de Covid-19.
“Feijóo preside un Goberno caducado que está tomando en solitario decisións que poñen en risco o futuro de Galicia”, dixo.
“Hoxe cúmprense 45 días desde que se decretou o estado de alarma. Desde o primeiro momento puxémonos á disposición do presidente da Xunta conscientes da necesidade dunha actuación coordinada e leal de todas as institucións galegas, incluídos os partidos políticos», manifestou Gómez Reino.
«Nós fomos leais e cumprimos, fixemos propostas construtivas dirixidas a apoiar a loita contra a crise en materia sanitaria, educativa, social, cultural, de apoio a empresas, traballadores, PEMES e familias, dos sectores industrial, marisqueiro, pesqueiro e agrogandeiro, etc. Ningunha foi escoitada”, lamentou.
Gómez Reino lembrou que Galicia en Común-Anova Mareas propuxo hai semanas a medicalización e intervención das residencias de maiores, que a día de hoxe seguen a padecer “unha situación demencial”, coa Fiscalía investigando denuncias penais de familiares de falecidos. Tamén recordou que a coalición leva máis dun mes reclamando que todos os recursos da sanidade privada se poñan a disposición da sanidade pública, depauperada ata o extremo por anos de recortes e privatizacións.
“Lonxe de escoitar e dialogar, Feijóo segue a adoptar unliteralmente decisións que prexudican á loita contra a Covid-19 en Galicia: pechouse a UCI do hospital Montecelo de Pontevedra en plena epidemia, aínda non sabemos que vai pasar cos contratos do persoal sanitario que expiran en abril, a Xunta ven de sobrecargar de traballo ás enfermeiras de Atención Primaria cun estudo epidemiolóxico que impide que adiquen todo o seu esforzo á contención da epidemia…”, dixo o voceiro.
Gómez Reino advertiu que a Xunta tamén adiou a aprobación de expedientes de regulación temporal de emprego (ERTEs), obrigando a miles de familias a esperar máis do necesario nunha situación crítica para acollerse ás axudas xa aprobadas polo Goberno central; pediu por carta ao Goberno que siga permitindo desafiuzamentos; mantivo durante semanas na incerteza a miles de opositores por puro interese electoral, e segue a manter nesa incerteza a toda comunidade educativa.
«Estes 45 días foron un resumo perfecto da xestión de Feijóo estes once anos: neglixencia tapada con propaganda, desprezo polo público revestido con mentiras», sinalou.
«É primordial que escoite aos portavoces dos partidos políticos, aos familiares de usuarias de residencias, aos sanitarios, aos estudantes, profesores e nais e pais de alumnos, ás traballadoras, aos parados, aos autónomos e aos pequenos empresarios, aos agricultores e ás mariscadoras», concluíu.
Aquí podes escoitar o audio da rolda de prensa deste luns.
Se queres ver a rolda de prensa completa pódele facer aquí.