Antón Gómez-Reino presidirá a Comisión de Traballo, Inclusión, Seguridade Social e Migracións

O voceiro de Galicia en Común será tamén Vicepresidente Primeiro da Comisión de Asuntos Exteriores e portavoz na de Agricultura, Pesca e Alimentación

Madrid, 7 de febreiro de 2020.- Na xornada de hoxe o Congreso acolleu a constitución das 21 Comisións Permanentes Lexislativas e 3 Comisións Permanentes coas que contará a Cámara Baixa durante esta lexislatura. O voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, participará en catro desas comisións, sendo elexido polos membros da Comisión de Traballo, Seguridade Social e Migracións como presidente. 

En declaracións aos medios antes da constitución de dita Comisión Lexislativa Gómez-Reino sinalou que “tras moitos meses sen avances a nivel lexislativo, este debe ser o comezo dunha lexislatura histórica e importantísima para avanzar en dereitos da clase traballadora” e engadiu que “esta Comisión será clave para a mellora das condicións de vida da cidadanía, sen dúbida moi afectada polos anos de xestión da crise económica e as reformas operadas”.

Nesa liña, Gómez-Reino indicou que “o traballo desta comisión é moi importante, xa que inclúe tres pilares fundamentais do estado do benestar como a seguridade social, os dereitos das persoas migrantes e, en materia laboral, temos o desafío de reconstruír os dereitos que nos últimos anos foron golpeados en diferentes reformas e nunha xestión máis que cuestionable dos anos de crise económica”. Asegurou que “a función orixinal do ordenamento laboral foi protexer aos traballadores e traballadoras compensando a asimetría entre as partes da relación laboral, unha función que constitúe a esencia do conxunto normativo que debe enfrontar os retos actuais das nosas relacións laborais, en especial a precariedade ”.

Xa como presidente, o noso voceiro dirixiuse aos membros da Comisión aos que lles agradeceu a confianza e asegurou que intentará ser “ecuánime e dilixente na xestión desta comisión” engadindo que “como lexisladores somos conscientes de que a esta sala veñen materias fundamentais do Estado de Benestar como os dereitos laborais, as pensións, a Seguridade Social ou os dereitos das persoas migrantes, cuestións que debemos abordar dende as distintas perspectivas ideolóxicas e traballar para fortalecer a cohesión social”. Nesa mesma liña tamén a perspectiva de xénero ten que incorporarse á mirada dos traballos que deben facerse en dita Comisión.

Ademais, Antón Gómez-Reino foi elixido tamén Vicepresidente Primeiro da Comisión de Asuntos Exteriores e será portavoz do Grupo Confederal na Comisión Lexislativa de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Podes escoitar as declaracións de Gómez-Reino aquí e ver o seu discurso como presidente neste enlace