Antón Gómez Reino reclama poñer a Sogama no seu lugar ante o problema medioambiental e laboral que está provocando na comarca de Ordes

Ordes, 16 de abril de 2019.O candidato ao Congreso de En Común – Unidas Podemos pola provincia da Coruña, Antón Gómez Reino reclamou este martes que “hai que poñer a Sogama no seu lugar” ante os graves problemas medioambientais e laborais que está provocando na comarca de Ordes o seu sistema de xestión de residuos.

“Levamos moitos anos desde que se prometeu que Sogama ía ser unha solución para a xestión de residuos no noso país. Despois de 20 anos o balance é absolutamente negativo”, valorou Gómez Reino nunha visita ao vertedoiro de Lesta acompañado por traballadores do transporte de residuos. Por esta razón afirmou que despois do 28 de abril é necesario formar “un Goberno valente que poña solución a esta situación”.

“Sogama sigue xerando residuos e non recicla como debería. Ademais, a xestión é completamente opaca no que ten que ver coa economía e os recursos que hai detrás”, afondou Gómez Reino. Como alternativa sinalou que “hai outros modelos moito más eficientes e este é ineficiente”. O candidato ao Congreso incidiu en que “estamos vendo que a comarca de Ordes e Cerceda vese colonizada por Sogama e diferentes vertedoiros, que ademais están incumprindo o marco lexislativo”, e tamén lembrou que a situación ameaza a comarca de Compostela.

O candidato de En Común Unidas Podemos apuntou que “nos pasados anos presentamos numerosas iniciativas lexislativas” e as diferentes plataformas dende a sociedade civil están denunciando que “queren colonizar unha parte moi importante do noso territorio e que sexa o vertedoiro dunha parte de Europa”. Por todo isto, insistiu en que “hai que poñer a Sogama no seu lugar, tendo en conta que a maior parte da súa participación é pública”. 

No referente ao conflito laboral, Gómez Reino indicou que o traballo de transporte de residuos “é moi complexo e esforzado. Precisa dun apoio decidido da empresa e das administracións para garantir boas condicións que non se está dando”. Os traballadores que acompañaron ao candidato levan varios día en folga reivindicando mellores condicións, xa que teñen que ocuparse de tarefas que non lle corresponderían con mercadorías en moitos casos tóxicas e o seu soldo é inferior ao dun traballador de Sogama cando asumen, como mínimo, os mesmos riscos. Ante esta situación “mostramos a nosa preocupación  e consideramos que ten que haber un control público que proporcione os medios para que os traballadores traballen en relación á súa responsabilidade, e deben ser atendidas tamén as súas demandas a nivel salarial”.

O presidente do comité de empresa, Manuel Regueiro, explicou que son «unha subcontrata da Xunta». «Os nosos problemas comezan cando se cambia de contrata. Temos unhas condicións totalmente precarizadas en materia laboral e de seguridade”.