“Comeza unha lexislatura histórica na que traballaremos para que en Galicia haxa tamén un goberno de coalición e progreso”

Madrid, 3 de febreiro de 2020.- O voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, valorou o comezo da XIV lexislatura, que cualificou como “histórica” ao ser “a primeira vez que temos un goberno de coalición de esquerdas”. Nesa liña Gómez-Reino subliñou que esta lexislatura que bota hoxe a andar é “histórica por tres retos: o democrático, o do cambio climático e o reto da igualdade”, cuestións “tan importantes como a reconstitución de dereitos e liberdades”.

Para o deputado galego é fundamental que esta sexa una lexislatura “de horizonte democrático e da defensa de dereitos e liberdades fronte aos que queren sementar o caos, a fractura e a tensión entre cidadanía e institucións”. Antón Gómez-Reino indicou tamén ante os medios que é preciso “atopar solución para o problema territorial coa construcción dun horizonte plurinacional”.

O voceiro de Galicia en Común apuntou que dende que se constituiu o novo goberno abriuse una fiestra de esperanza que se pon de manifesto “coas primeras medidas do goberno de progreso” como foi a suba do Salario Mínimo Interprofesional que beneficiou a máis de 300.000 galegos e galegas ou a suba das pensións que repercutiu positivamente noutros 700.000.

En clave galega, Gómez-Reino lembrou que “levamos anos presentando no Congreso e no Senado as iniciativas que nos trasladan os galegos e as galegas”. Nesa XIV lexislatura Galicia en Común seguirá traballando para mellorar a vida das persoas que viven en Galicia, así como “para que neste ano 2020 haxa tamén no noso país un goberno de coalición e progreso”.

Podes escoitar as declaracións de Gómez-Reino neste enlace