Comunicado de Galicia en Común-Anova Mareas na homenaxe ás vítimas da Covid-19

Compostela, 13 de xuño de 2020.- Hoxe cúmprense tres meses desde que o Goberno do Estado decretou a emerxencia sanitaria para facer fronte a unha crise como xamais coñeceramos na nosa historia recente. Durante este tempo asistimos a un colosal exercicio de responsabilidade cidadá, co esforzo e o sacrificio exemplar de millóns de galegas que contribuíron de maneira decisiva a combater a expansión da epidemia de Covid-19.

Miles de persoas víronse afectadas polo virus, e nestes tres meses perdemos en Galicia a máis de 600 dos nosos concidadáns, a cuxas familias queremos a nosa máis profunda condolencia. Estamos ao seu lado e compartimos toda a súa dor. Pero xunto a iso, tamén queremos expresarlles a certeza de que a lembranza dos seus seres queridos será para sempre o mellor exemplo da nosa forza e da nosa capacidade para enfrontar desde a unidade e o apoio mutuo os riscos que nos ameazan.

Hoxe queremos homenaxear ás vítimas da Covid-19, pero tamén dar as grazas a todas aquelas persoas que arriscaron as súas vidas para protexer as dos demais. Ás profesionais da limpeza; ao persoal sociosanitario; a quen se dedica á produción, procesado e distribución de alimentos e bens de primeira necesidade; ás profesionais dos medios de comunicación; ás miles de funcionarias e traballadoras públicas que mantiveron en funcionamento as distintas institucións… En xeral, a todas aquelas que garantiron a prestación dos servizos esenciais, e que cumpriron co difícil reto de protexernos e coidarnos.

A todos eles, de novo, a nosa admiración, respecto e gratitude.

Tamén queremos dar as grazas aos miles de nenos e nenas de toda Galicia cuxos aplausos encheron pobos e cidades todas as tardes durante semanas, e cuxos mensaxes en xanelas e balcóns asolagáronnos de esperanza e impediron que nos rendésemos. Tiñades razón. Tedes razón. Todo vai saír ben. É un orgullo saber que sodes o noso futuro, e unha esperanza constatar que ese futuro está nas vosas mans.

A Covid-19 segue sendo unha perigosa ameaza. Para a nosa saúde, para o noso benestar e para a nosa forma de vida. Pero se algo aprendemos estes meses é sobre a necesidade de preservar e reforzar os nosos servizos públicos, especialmente a sanidade. Unha vez garantido isto, calquera adversidade podemos superala unidos. E é esa aprendizaxe sobre a que debemos levantarnos para enfrontar o noso porvir colectivo.

A crise socioeconómica que nos deixou a epidemia esíxenos que sigamos traballando unidos e que, á marxe das nosas lexítimas diferenzas ideolóxicas, sigamos empeñando o noso esforzo colectivo na construción dun futuro e dunha sociedade mellor.