Comunicado de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común ante o acontecido no campo de refuxiados de Moria

O Grupo parlamentario de Unidas Podemos- En Comú Podem- Galicia en Común manifesta a súa enorme preocupación pola situación creada tras o incendio que destruíu o campo de refuxiados de Moira (o máis grande de Europa) na illa grega de Lesbos. Un campo que albergaba a 13.000 persoas, entre elas 6.000 menores, aínda que a súa capacidade era para 3.000.


Europa vive unha situación de emerxencia humanitaria en Grecia que a Comisión Europea debe enfrontar e resolver de inmediato, máis aínda existindo recursos dabondo entre os países da Unión.


É necesario mudar as políticas de migración e asilo europeas, garantindo a aplicación dos convenios internacionais, en especial da Declaración Universal dos dereitos humanos e da Convención de Xenebra de 1951 de persoas refuxiadas que impide á Unión Europea pechar as súas portas a solicitantes de asilo.


Os 13.000 solicitantes de asilo de Moira, tras a destrución do campo, están en situación de absoluta desprotección e abandono. Quedaron á intemperie, con escaseza de auga e comida, sendo miles as persoas que permanecen amontoadas en estradas, rodeadas de centos de antidisturbios enviados polo goberno grego para evitar que cheguen a un núcleo urbano.


Esta situación é consecuencia de anos de políticas equivocadas da UE e dos seus estados membros, que non ofreceron respostas ante a chegada de persoas que foxen da cruenta guerra de Siria e da persecución.


Hai meses o Parlamento Europeo solicitou a evacuación dos campos de refuxiados das illas gregas e instou a Bruxelas a dar entón unha resposta inmediata ante a emerxencia humanitaria, advertindo das consecuencias dramáticas que poderían producirse de non tomarse decisións, como así ocorreu, coa posible expansión da pandemia nuns campamentos superpoboados.


Tanto o Parlamento Europeo como numerosas organizacións humanitarias realizaron un chamamento á Comisión Europea para dar un novo impulso ao Pacto para as Migracións e o Asilo desde criterios baseados na solidariedade e os dereitos humanos, chamamento que tamén foi desatendido polo goberno da UE. A inacción da Comisión Europea levounos a esta traxedia.


É necesario dar un impulso á política de acollida na UE, que as persoas refuxiadas sexan evacuadas canto antes e distribuídas de maneira equitativa e proporcional entre os 27 estados membros, para que os esforzos sexan solidarios e colectivos e se alcancen solucións definitivas aos problema. Temos que evitar que os países do sur, ou un só país, deban afrontar o que debería facerse fronte desde unha política de inmigración e asilo común.


Cremos que o goberno de España debe promover na UE que se facilite o acceso e atención das organizacións da sociedade civil ás persoas refuxiadas de Moria de inmediato, así como propoñer na UE unha solución definitiva para estes 13.000 solicitantes deasilo. Debería poñerse encima da mesa unha proposta de recolocación urxente en condicións dignas para que estes refuxiados sexan acollidos polos estados membros de maneira solidaria, proporcional e equitativa.


Lembramos que hai anos o goberno de Rajoy anunciou que España acollería a ata 17.000 persoas refuxiadas polo desprazamento ocasionado pola guerra de Siria. Ningunha forza política se opuxo entón a este compromiso do goberno do Partido Popular. Con todo, España nunca cumpriu, limitándose a acoller escasamente a 2.000. O noso goberno debe elaborar un plan urxente para cumprir eses compromisos adoptados por España.
A imprescindible acollida inmediata das 13.000 persoas refuxiadas entre os 27 estados membros, é absolutamente asumible polos sistemas de acollida dos países da UE.


España debe defender na Unión Europea a necesidade dun programa de Migracións e Asilo baseado na solidariedade, os dereitos humanos e o cumprimento dos convenios internacionais en materia de refuxiados, poñendo en marcha un programa de acollida común para situacións de emerxencia por parte de todos os estados membros da UE.