Comunicado de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común en relación á fuxida de Juan Carlos I

Vimos de saber que Juan Carlos de Borbón fuxiu de España cando se deu a coñecer que a Fiscalía do Tribunal Supremo iniciou actuacións para investigar os mesmos delitos que vén investigando a xustiza suíza. Trátase de ata sete delitos relacionados con actuacións presuntamente corruptas e fraudes á Facenda Pública.

Dende Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, manifestámonos en distintas ocasións en contra de que ningún cargo público se ampare en privilexios como a inviolabilidade.

A imaxe dada por un ex xefe do Estado que durante os seus anos de exercicio institucional acumulou unha inmensa fortuna é inaceptable para a maioría do noso pobo.

Ademais, unha xustiza merecedora de tal nome debe actuar para evitar que ningunha persoa poida subtraerse á súa acción, sobre todo cando iso supón un motivo de vergoña e bochorno para todo un estado.

A nosa democracia é o suficientemente madura como para eliminar calquera limitación na elección de todas as súas institucións. Non existe motivo algún para continuar cargando cunha monarquía carente dos mínimos valores éticos nun país que leva soportando sucesivas crises económicas e sociais que repercutiron moi negativamente nas condicións de vida da maioría social.

Cremos que non se pode seguir impedindo o debate social sobre o modelo de Estado en España, pensamos que se abre paso a idea dunha república solidaria e plurinacional onde se garantan todos os dereitos sociais, civís e políticos para todas as persoas e onde, de verdade, a xustiza sexa igual para todos e todas. É a nosa convicción democrática que debe ser o pobo quen decida.