Audio: https://bit.ly/33tKG3J
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2019. Os candidatos e candidatas de Galicia en Común, presentaron este luns as listas e o lema para as vindeiras eleccións xerais do 10 de novembro.
«Pódese contar con nós. Queremos presentar o lema, entendemos que é un momento importante e clave, todo o mundo sabe que pode contar con nós e demostrámolo co traballo no Congreso todos estes anos», incidiu o deputado e candidato Antón Gómez-Reino.
Pola súa banda, Yolanda Díaz resaltou que estamos ante «unha candidatura que ten bos mimbres para un país que precisa un cambio fondo».
«Poden contar con nós porque é coñecido que o noso proxecto é coherente, levamos tempo promovendo iniciativas políticas e poñendo a Galicia no centro do debate, tanto no Congreso como no Senado. Todo o mundo sabe que pode contar con nós: os traballadores de Alcoa, Isowat, Poligal, as mulleres das conservas, teleoperadoras, os mozos e mozas mobilizados contra o cambio climático, a loita feminista, as pensionistas, etc», sinalou Gómez-Reino.
Os candidatos e candidatas resaltaron que esta campaña «é fundamentalmente unha oportunidade para Galicia». «Queremos consolidar o voto progresista, é unha alternativa que pasa porque o voto progresista sexa clave e para que Galicia esté no centro do debate político», incidiron.
O obxectivo desta campaña é «saír con forza» porque «os que non teñen que durmir polas noites, son os que mandan e os que están esnaquizando as nosas vidas. Saímos con forza para que a xente do común poda durmir polas noites, para decir que precisamos derogar a reforma laboral para non vivir na miseria».
A deputada Yolanda Díaz resaltou o caso dos autónomos, das traballadoras pobres, das pensionistas que no noso país teñen unha pensión de menos de 600 euros, que non teñen protección social, as mulleres invisibles, as estudantes que non poden pagar a matrícula universitaria ou as persoas que sofren pobreza enerxética.
«Precisamos que toda esa xente poda durmir pola noite despois de que se solventen os seus problemas. Nós traballaremos para que así sexa», incidiu Díaz.
Desta lexislatura «saímos cos deberes feitos e sendo o grupo máis activo na cámara, convidámosvos a mirar o que fixeron os demais deputados e deputadas galegas», incidiu a deputada.
Por iso mesmo, para o noso grupo, Galicia conta, pero pola contra, no tempo de Goberno en funcións, «Sánchez aínda non pronunciou Galicia»,
«Galicia é Isowat, Poligal, traballadores do ensino, traballadoras da sanidade pública, saneamento das rías, prezos dignos no leite, o sector naval, é cultura, é a lingua. Imos traballar por isto duramente, como xa levamos feito», engadiu.
En último lugar, Díaz destacou a «tarefa democrática», porque algúns soñan con voltar de novo ao bipartidismo, ao tempo da corrupción, das portas xiratorias, «A democracia está en xogo, temos que mobilizarnos porque queren pechar un ciclo», incidiu.
A candidata por Lugo, Vanessa Somoza, resaltou que estamos «nun tempo difícil» e resaltou as necesidades da provincia de Lugo, que precisa «de forma urxente» voltar ter representación progresista no Congreso.
«Precisamos un xulgado do social e outro especializado en violencia machista, ademais temos aos traballadores de Alcoa San Cibrao ás portas da rúa. Están en xogo máis de 1.200 postos directos e miles de indirectos. A industria da Mariña lucense quedaría abandonada», incidiu Somoza.
A candidata engadiu que precisamos que Lugo esté representado para conseguir «un estatuto electrointensivo para estas industrias, á vez que se leva a cabo un proceso de industrialización ecolóxica, máis responsable co medio ambiente pero respectando aos traballadores».
Finalmente, David Bruzos, candidato por Ourense, resaltou o orgullo que significa para el encabezar de novo esta candidatura por esta provincia.
«En Ourense a situación é límite, está na UCI debido a 40 anos de gobernos do PP na deputación e no concello. Se levan 40 anos e a provincia está así, é porque non fixeron o seu traballo. Precisamos un cambio e outra xente que demostre que se pode traballar por Galicia», concluiu o deputado.
Os candidatos e candidatas mostráronse «con forza» para saír a esta campaña electoral: Conta con nós!