Gómez Reino: “Estes orzamentos son históricos, cun aumento nos investimentos de máis dun 30% na provincia de Pontevedra e unha partida dun millón e medio para facer gratuíto o tramo Vigo-Redondela da AP9”.
Pontevedra, 31 de outubro de 2020.- A provincia de Pontevedra contará para o vindeiro ano 2021 con 54 millóns de euros máis para investimentos na provincia, o que supón un 36% máis que nos orzamentos do ano 2018.
“Trátase duns orzamentos históricos para o conxunto de Galicia”, sinalou o voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino, “mais tamén para toda a provincia de Pontevedra, cun aumento dos investimentos e unha partida dun millón e medio para facer gratuíto o tramo Vigo-Redondela da AP9”.
Son moitas as actuacións longamente demandadas polos habitantes da provincia de Pontevedra que, por fin, ven a súa plasmación neste borrador de PGE. Nese sentido destacan os 2,3 millóns de euros que consigna o goberno central para a remodelación da conexión norte da cidade do Lérez, chamada “Nudo de bombeiros”, así como 21 millóns de euros para os 6,2 km que do tramo da A-57 entre Vilaboa e A Ermida.
Ademais prevense 2 millóns para o itinerario peonil entre Marín e Pontevedra, 37 millóns de euros para varias actuacións nos portos de Marín, Vilagarcía e Vigo e unha mellora do ferrocarril entre Vigo e Tui valorada en 7,5 millóns de euros. Tamén se inclúe unha partida para completar a redacción do proxecto da variante da A-52 entre Vigo e O Porriño.