“É tempo dun Goberno que recupere o talento, dignifique a ciencia e se comprometa cun Pacto Galego pola Investigación”

«A Xunta do PP de Feijóo expulsou ao talento investigador galego. É o momento de recuperalos para o país”

Galicia en Común-Anova Mareas impulsará un Plan Galego de I+D+I coas universidades galegas e o compromiso de adicarlle a investigación o 2% do PIB antes do fin da lexislatura

Compostela, 22 de xuño de 2020.- O candidato á presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, acompañado da número dous pola provincia da Coruña, Luca Chao, mantiveron unha xuntanza coa Rede Galega pola Investigación (InvestiGAL), creada recentemente co obxectivo conformar un espazo unitario que aposte pola investigación en Galicia.

Na reunión denunciaron a precaria situación que sofre en Galicia o sector da investigación, reivindicando solucións a curto, medio e longo prazo. Dende InvestiGAL están a elaborar un documento titulado “Investigación: eixo estratéxico da Galicia do futuro” onde salientan que o investimento en I+D+I representa no país só o 0,94%.

Antón Gómez Reino trasladoulles o compromiso da coalición de “apostar de maneira decidida pola investigación, un sector que é capaz de devolverlle á sociedade cada euro que se inviste en I+D+I”.

Nesa liña lembrou outro dos problemas que sofre a investigación en Galicia como é “a precarización dos seus profesionais e a fuga de talento, con mozos e mozas que marchan do país porque o goberno de Feijóo non apostou por eles”. Por iso dende a coalición elaborarase un Plan de retención e retorno do talento investigador perdido na última década.

O candidato á presidencia da Xunta explicou as medidas que Galicia en Común-Anova Mareas incorporou ao seu programa electoral e entre as que se atopan a creación dun “Plan Galego de I+D+I 2020-2024, con máis dotación de recursos e en liña coa Estratexia de Especialización Intelixente da Comisión Europea que basea os seus principios na consecución do crecemento económico en base ao coñecemento”. Así, o compromiso pasa por investir, ao fin da lexislatura, o 2% do PIB galego no sector, moi preto da media dos países da Unión Europea.

Entre outros compromisos, dende Galicia en Común-Anova Mareas apostarase pola recuperación dos dereitos e das condicións laborais do persoal investigador co obxectivo de rematar coa precariedade e aumentar os cadros de persoal. Tamén se dotará ás universidades públicas galegas dun maior financiamento para que se convirtan “no motor do I+D+I en Galicia” establecendo prazos fixos para as convocatorias de investigación para que se garanta unha maior estabilidade na carreira investigadora.