Elementor #4436

Gómez-Reino: Feijóo é o cómprice necesario das prácticas abusivas de AUDASA



Madrid, 25 de febreiro de 2020. O voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez-Reino, denunciou á entrada da Xunta de Voceiros a complicidade do Goberno da Xunta de Galicia en relación ás peaxes abusivas que cobraba AUDASA na AP-9. Gómez-Reino considera que «Feijóo foi o cómprice necesario desta estafa por parte de AUDASA». Deste xeito, o voceiro galego valora positivamente a sentenza relativa ás cuantías pagadas nas peaxes. 

Este grupo denunciou en numerosas ocasións na Cámara Baixa os constantes abusos da empresa concesionaria, ademais de defender, a través de diversas iniciativas, a transferencia da AP-9 para que sexa pública, galega e gratuíta. 

REAL DECRETO SOBRE MEDIDAS URXENTES EN MATERIA DE AGRICULTURA E ALIMENTACIÓN

Antón Gómez-Reino respalda as medidas do Real Decreto de medidas urxentes en materia de Agricultura, Pesca e Alimentación para prohibir a venda a perdas e modificar a Lei da Cadena Alimentaria. «Todo o mundo entende que un gandeiro ou un agricultor non pode traballar con perdas económicas. Os prezos xustos é unha medida necesaria para garantir o futuro dos nosos sectores produtivos». 

SINISTRALIDADE LABORAL EN GALICIA

Gómez-Reino trasladou o apoio de Galicia en Común ás familias dos mariñeiros do pesqueiro naufragado en Cíes. Destacou, ademais, o traballo que está a facer o Goberno, o Ministerio de Traballo e Economía Socia en particular, para visibilizar a sinistralidade laboral que nos últimos días cobrouse a vida de cinco traballadores en Galicia: «A sinistralidade laboral, en gran parte vinculada á precariedade, é un problema moi grave en Galicia. O Goberno reitera o seu firme compromiso coa seguridade laboral ante este tipo de accidentes».