En Común demanda a categoría profesional das técnicas de enfermería

Ademais, o grupo esixe ao Goberno do Estado que cumpra coa Lei de Dependencia e se aumenten os recursos.

Audio: https://bit.ly/2k2BthM

Santiago, 9 de setembro de 2019. A voceira no Congreso, Yolanda Díaz, e a vicepresidenta do Parlamento, Eva Solla, mantiveron este luns unha xuntanza coas técnicas de enfermería (TCAE) e os sindicatos sobre as cualificacións e clasificación profesional.

«Estamos a falar de competencias estatais. Dentro destas competencias, no que atinxe a recualificación da propia formación e da clasificación profesional, presentamos iniciativas no Congreso, tanto cando gobernaba Rajoy como Sánchez», afirmou Yolanda Díaz, que engadiu que «da tristura ver que xogan con isto goberne quen goberne».

Por isto mesmo, a deputada lembrou que «estar en funcións, da lugar a unha situación complexa».

Pola súa banda, Eva Solla tamén anunciou que estas iniciativas foron trasladadas ao Parlamento, para que «se recoñezan as competencias profesionais de diversas profesións dentro do sistema sanitario e a necesaria cualificación C1 para técnicos sanitarios».

«Aprobouse unha iniciativa por maioría no mes de maio no Parlamento. O PP e o PSOE poñían dificultades e fixemos un esforzo para chegar a un acordo e entendemos que ten que trasladarse ao Consello Interterritorial de Sanidade. Imos reclamarlle á Xunta de Galicia que traslade a necesidade de que esta cuestión se debata», insistiu Solla.

Pola súa banda, Antonio Cabrera, secretario xeral de CCOO de Sanidade, incidiu tamén no sector da dependencia, «un sector altamente feminizado, moi precario, con condicións que rozan o límite do normal».

Ante isto, insistiu en que «a principal demanda é que o estado cumpra coa Lei de Dependencia. Cando se aprobou, había unha previsión de que o Estado financiase o 50% das CCAA. Hoxe o estado financia o 19% e as CCAA o 81%. Se o Estado cumprise, teríamos uns salarios decentes, algo que ahora mesmo non hai, dado que non se cumpre o salario mínimo de convenio e as ratios de persoal son escasas».

«As tres reivindicacións son básicas e urxentes. Polo menos o Estado ten que financiar o 40%, ten que aumentar 250 millóns para chegar ao 40% de financiación», incidiu.

Yolanda Díaz destacou que, no que atinxe á dependencia, «chama a atención que sempre imos para atrás» porque desde que arrancamos a negociación orzamentaria, ata o último documento que presentou o PSOE, «imos cada vez perdendo máis dereitos, case non aparece nada que teña que ver coa dependencia».