En Común destaca a súa consolidación nas eleccións do 28A como espazo fundamental para a construción dunha alternativa

A formación considera que a cidadanía manifestou nas urnas que quere un Goberno plural, progresista e de coalición para garantir a estabilidade.

Audio: 
https://bit.ly/2WhJxcE

Santiago, 29 de abril de 2019.- En Común-Unidas Podemos destacou este luns a súa consolidación nas eleccións do 28 de abril como espazo fundamental para a construción dunha alternativa. “Somos o espazo hexemónico da esquerda transformadora e fundamentais para o cambio na política galega”, sinalou o deputado electo pola provincia da Coruña, Antón Gómez-Reino. Ademais, formación considera que a cidadanía manifestou nas urnas que quere un Goberno “plural, progresista e de coalición para garantir a estabilidade”, apuntou a deputada electa Yolanda Díaz.

Nisto coincidiu Antón Gómez-Reino, indicando que “hai que recoller o mandato da cidadanía, que entende que hai que apostar polo diálogo e o entendemento para un Goberno de coalición”. Con respecto á formación dese próximo Executivo, lembrou que na campaña “fomos moi claros, e sempre dixemos que era fundamental que tiveramos representación para un Goberno de progreso e que teña a Galicia no centro”. Con respecto ao resultado obtido, o deputado resaltou que “fomos segunda e terceira forza nas cidades máis grandes de Galicia”, pero aínda así “aspiramos a máis e queremos seguir sumando xente e actores”.

Gómez-Reino amosou tamén a súa “satisfacción polo exemplo democrático de onte. Estabamonos xogando a democracia e a mobilización do voto progresista para defendela é unha gran noticia”. Do mesmo xeito, valorou como “moi positivo que en Galicia a extrema dereita non teña representación”.

Pola súa banda, Yolanda Díaz, afondou nesta cuestión remarcando que “as galegas e galegos saíron a defender a sanidade, a educación e os servizos públicos, a atención á dependencia e mellores salarios”. Ante isto, afrimou que “o mandato das urnas é a formación dun Goberno progresista, plural e de coalición para garantir a estabilidade”. Este é un escenario que “nos achega a Europa. Precisamos un goberno estable, xa que ao PSOE os números non lle dan para poder gobernar só”. Para Díaz é o momento de apostar por un Goberno “de acción pública volcada en Galicia. Chegou o tempo de colocar as prioridades de Galicia no centro. Temos maioría no bloque da esquerda para conseguilo”.

A deputada salientou tamén que “a nova máis fermosa é que derrotamos ao partido máis corrupto de Europa. A cidadanía castigou ao PP, o que significa que estamos diante dunha sociedade democrática, robusta e valente, que non quere partidos que saqueen as institucións”. Díaz concluíu resaltando que “mudaron os tempos e derrotamos ao PP. O ciclo que se abre agora é para levarnos a derrotar a Feijóo nas próximas eleccións autonómicas”.