En Común fai en Boiro un chamamento á cidadanía a mobilizarse para garantir que haxa un Goberno de esquerda

«Temos a necesidade dun Goberno que se tome en serio a rexeneración das rías galegas e que poña en valor o traballo da xente do mar».

Boiro, 29 de outubro. Os candidatos de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino e Loreto Taibo, acudiron este martes a Boiro, onde presentaron o programa e a candidatura para as vindeiras eleccións xerais do 10 de novembro de 2019.

Nun multitudinario acto na vila costeira, o cabeza de lista por A Coruña insistiu na necesidade de trasladar a proposta de Galicia en Común á cidadanía de Boiro e en facer un «chamamento á mobilización» para garantir que haxa un Goberno de esquerda.

«Temos que romper o bipartidismo, as enquisas reflexan que estamos moi preto de sacar un segundo escano por A Coruña. É importante saír con forza e facer que haxa un Goberno de esquerdas e que Galicia esté dentro desde Goberno», incidiu Gómez-Reino.

O deputado resaltou tamén a necesidade dun Goberno «que se tome en serio a rexeneración das rías galegas e que poña en valor o traballo da xente do mar».

«Temos que poñer en valor a defensa dos nosos sectores, o mar, o leite, e defender as traballadoras precarias dos produtos elaborados do mar e das conservas. Desde Galicia en Común loitaremos para derogar a reforma laboral e conseguir mellores condicións laborais», sinalou.

Pola súa banda, Loreto Taibo sinalou que desde Galicia en Común voltamos presentarnos «co compromiso de mudar esta realidade e desigualdade social, polas políticas bipartidistas e de dereitas do PP e PSOE».

«Apostamos por manter un sistema público de pensións, derogando o factor de sostibilidade, vincular as pensións ao IPC e potenciar os servizos públicos», sinalou a candidata.

No acto tamén participaron José G. Rebollido e Verónica Núñez, de Podemos Boiro e EU Boiro, que destacaron que o programa de Galicia en Común «propón unha saída progresista e de esquerdas para as problemáticas reais e ás condicións materiais que soportan as traballadoras e traballadores».