En Común reclama a Pedro Sánchez “que poña data á saída de ENCE da ría de Pontevedra”

As candidatas de En Común Unidas Podemos ás eleccións xerais do 28 de abril por Pontevedra percorreron esta mañá as rúas da capital provincial para explicar as propostas da coalición e para recabar de primeira man as inquedanzas e a opinión cidadá sobre os mesmos.

“Esta campaña imos saír moito á rúa para explicar os nosos proxectos e para estar moi preto dos problemas que queremos resolver nas institucións”, dixo a deputada Ángela Rodríguez (Pam). Entre eles, citou a presenza de Ence nas súas instalacións na ría de Pontevedra, a suspensión das obras da A-57 e a mellora do investimento en servizos sociais na cidade e a súa comarca.

Rodríguez instou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a resolver dunha vez por todas a saída de ENCE: “Queremos que poña unha data para que Ence esté fóra da ría. Se está de acordo con isto, que poña unha data e deixe de asumir compromisos baleiros de contido”, reclamou. 

Ademais, reiterou a proposta de paralizar as obras da autovía A-57 para adicar o investimento previsto nesa infraestrutura, o maior que xamais recibiu a cidade, a cubrir necesidades básicas de contido social, como os servizos sanitarios, a posta en marcha dunha residencia para maiores e a instalación dunha escola pública de 0 a 3 anos nun edificio de titularidade pública na Alameda.

Pola súa banda, a candidata María Luisa Lores,  Mariquiña, incidiu nesa defensa dos servizos públicos e manifestou a aposta de En Común pola educación e a sanidade públicas, así como polas medidas efectivas en favor da igualdade da muller. “O único voto útil é o voto a En Común Unidas Podemos”, expresou.

A deputada no Congreso e cabeza de lista da coalición pola provincia,  Yolanda Díaz, reiterou que as integrantes da listas de En Común son as que están máis preto dos problemas diarios das pontevedresas: “Somos as de abaixo, as que vimos desde abaixo para cambiar a vida da  xente”. 

Lembrando o 80 aniversario do fin da Guerra Civil española, concluída o 1 de abril de 1939,  Díaz reivindicou unha modificación da Lei de Memoria Histórica “que permita investigar os  crimes do franquismo en Galicia”, reparar integramente a memoria das súas vítimas e obrigar aos herdeiros do ditador para devolver os bens  expoliados durante o seu mandato. “Fai falta un Goberno valente que se atreva a enfrontarse aos que mandan”, concluíu.

As candidatas de En Común tamén asistiron á concentración das pensionistas de Modepen en Vigo, que reclaman «unhas pensións dignas e garantidas pola Constitución».

«O grupo de Unidas Podemos foi o único no Congreso que levou unha proposta lexislativa para a revalorización das pensións, para que esté garantida na Constitución, para que as nosas maiores non vivan nunhas condicións precarias», explicou Díaz, a responsable da elaboración das principais Proposicións de Lei que se debatiron na Cámara baixa esta lexislatura no Congreso dos Deputados.