En Común sitúa a defensa do medio ambiente como un eixe central de acción

Audio: https://bit.ly/2PPs3Uw

A Coruña, 5 de novembro de 2019. Antón Gómez-Reino, Loreto Taibo e a eurodeputada María Eugenia Palop mantiveron este martes un encontro con colectivos para abordar as distintas problemáticas medio ambientais en Galicia. 

«Hoxe temos este encontro para falar dun dos maiores retos que ten a humanidade neste século XXI: o reto medio ambiental, a loita contra o cambio climático e o coidado do noso planeta», sinalaron os candidatos no arranque do acto.

Gómez-Reino explicou trátase de colectivos «que levan moito tempo reivindicando a defensa do noso ben común e o noso medio ambiente», entre outros a Plataforma en Defensa do Sar, a Asociación Galega de Apicultoras, a Plataforma Mina Touro O Pino Non,  a Coordinadora Galega pola Bicicleta, Salvemos a Comarca de Ordes, Rede Galega Non Eólicos, Ría de Ferrol, Rede Plataformas Compostela-Ulla-Tambre ou mozos e mozas pola clima, entre outros. 

O candidato e deputado situou a axenda verde como «prioridade absoluta» e ademais resaltou que é «totalmente necesario un pacto medio ambiental, pero tamén social».

«A transición enerxética non pode vir da man da desigualdade. Na provincia da Coruña coñecemos ben as consencuencias que pode chegar a ter unha transición enerxética improvisada respecto ao peche de empresas sen unha alternativa de emprego. Debemos tomarnos en serio esta situación e non abandoar á clase traballadora neste paso que temos que dar polo coidado do noso medio», engadiu.

Pola súa banda, Taibo sinalou que desde fai moitos anos «lévanse adiando estas políticas públicas en relación ao medio ambiente» e aquí en Galicia somos moi coñecedores desta situación, «por exemplo, con respecto á limpeza integral das nosas rías».

«A ría o Burgo é un absoluto exemplo de como non só moitas veces non se adicaba ningún tipo de orzamento, senón que cando se dispoñía dese orzamento para limpeza integral da ría, non se executaba», incidiu. 

Ante isto, os candidatos reiteraron o «firme compromiso co medio ambiente» para seguir «traballando en políticas públicas que axuden a coidar o noso planeta».

Gómez-Reino tamén lembrou que estes días cúmprese o aniversario da traxedia do Prestige, «que ademais de ser unha catástrofe ambiental puxo sobre a mesa un pobo digno que sabe loitar polo seu medio ambiente».

«É absolutamente fundamental como Galicia en Común todo o que ten que ver coa defensa dos bens comúns, do medio ambiente. Estamos vendo como no noso país se da una dinámica de capitalismo extractivo, que intenta aproveitar o territorio que pode para sacar beneficios», incidiu.

Respecto á campaña, o deputado sinalou o bo ambiente que «palpamos nos actos» e incidiu en que estamos «moi cerca de que Loreto Taibo sexa deputada por Coruña, que Ángela Rodríguez o sexa por Pontevedra e que rachemos co bipartidismo en Lugo e Ourense».