Audio: https://bit.ly/37t1kCR
Santiago, 30 de decembro de 2019. O deputado de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, presentou este luns en Galicia o acordo de programa de Goberno alcanzado co PSOE para formar o primeiro Executivo de coalición da historia de España.
«Levamos traballando moitos meses neste acordo, é a plasmación das mobilizacións de tanta cidadanía neste ciclo político. Tamén é a plasmación do traballo do noso espazo político durante catro anos nas institucións», sinalou Gómez-Reino, que resaltou que este acordo programático «histórico» pon de relevo que os programas electorais deben ser programas de Goberno.
«Por primeira vez, un programa ambicioso de defensa das maioría sociais e de Galicia, está plasmado nun programa de Goberno, e Galicia estará nese Executivo», incidiu o deputado.
Gómez-Reino explicou que se trata dun programa de defensa das maiorías e do noso país e debullou as medidas de marco estatal e outras moitas que afectan a Galicia.
«A nivel estatal é imprescindible destacar a derogación da reforma laboral, é un logro que haxa un Goberno que derogue esta reforma tan lesiva para as traballadoras, ademais da subida do SMI, que solventará o día a día de moitas galegas», incidiu.
Sobre o ámbito educativo, o deputado destacou que se incorpora a derogación da LOMCE ou cuestións como a universalización da educación infantil de 0 a 3 anos ou a gratuidade do material escolar.
En sanidade, elimínase o copago farmacéutico e iniciase o camiño para que a saúde bucodental sexa pública.
En materia de pensións, destacou que noso país hai máis de 700.000 pensionistas, coas pensións máis baixas do Estado: «A mellora das pensións é unha demanda que levamos pelexando ao carón dos pensionistas. O compromiso deste vindeiro Goberno é indexar as pensións ao IPC, algo que vai beneficiar a máis de 700.000 galegos e galegas».
Entre outras medidas, o deputado destacou a regulación urxente das casas de apostas e xogos de azar,
Sobre feminismo hai diversas materias, entre as que destacan impulsar a equiparación de permisos de maternidade e paternidade, e seguir loitando para que o ‘Só si é si’ se blinde.
GALICIA
Ademais da materia global, na que se verán afectados moitos galegos e galegas, hai cuestións concretas que afectan a Galicia alcanzadas no acordo de Goberno por este grupo.
«Hai un avance moi importante da memoria democrática, é un tema que levamos traballando xunto a asociacións de memoria histórica. É unha cuestión para felicitarnos, grazas a este acordo está recollido a devolución do Pazo de Meirás e outros bens espoliados polo franquismo», sinalou o deputado.
No ámbito industrial destacou o acordo alcanzado por este grupo para conseguir un novo estatuto electrointensivo que faga que o prezo da enerxía sexa competitivo. «Vai facer que as industrias teñan que comprometerse», incidiu, destacando outras cuestións claves recollidas no acordo e que afectan á nosa industria, como é a loita contra as deslocalizacións, que afectou a empresas como Alcoa.
Respecto a temas de emigración, Gómez-Reino resaltou que nos últimos anos 200.000 galegas tiveron que emigrar, polo que neste acordo «propoñemos un programa de retorno para a xente nova».
En canto ao agro, «temos un compromiso claro coa Lei de Titularidade no mundo da producción agraria. É un paso moi positivo, e pode haber máis de 30.000 afectados» e sobre a PAC, «teremos en conta todas as necesidades e demandas do mundo agrícola, para que haxa recursos para garantir a triple sostibilidade económica, social e medioambiental».
«Tamén é un logro moi importante no ámbito pesqueiro», lembrou o deputado, xa que conseguimos o compromiso para que se ratifique o convenio 188 da OIT que vai afectar a máis de 30.000 persoas e 11.500 mariños que traballan día a día no noso mar. «Vai dignificar o día a día de máis de 11.000 mariños», sinalou o deputado.
Entre outras cuestións, destacou o saneamento das rías, o impulso do corredor Atlántico, medidas contra o despoboamento, o compromiso de eliminar o voto rogado, medidas de apoio á cultura galega así como medidas para mellorar a distribución competencial entre o Goberno central e as CCAA, para descentralizar o Estado
«Grazas a Galicia en Común, Galicia está nun programa de Goberno do Estado», concluiu o deputado.