En Común-Unidas Podemos anima a encher as urnas de votos valentes 

Yolanda Díaz: «Construír un Goberno para a xente e coa xente, evitando que gobernen os que non se presentan ás eleccións”.

Ángela Rodríguez-Pam: «Quen defendeu a necesidade dunha universidade pública e gratuíta para que a xente nova teña dereito a estudar, e denunciou a continua privatización da sanidade pública».


Ponteareas, 21 de abril de 2019. A candidatura de En Común Unidas Podemos estivo hoxe na Praza Maior de Ponteareas nun acto no que participaron a cabeza de lista, Yolanda Díaz, xunto a Angela Rodriguez-Pam e Jaime Cabeza, acompañadas polo concelleiro de Esquerda Unida, Lino Costas. 

A cabeza de lista, Yolanda Díaz, defendeu a necesidade de derogar as reformas laborais para rematar coa precariedade das nosas traballadoras e traballadores, xa que todos os sectores están afectados, desde o telemarketing ou o textil, ata a sanidade ou a educación. 

Díaz sinalou que a única candidatura capaz de enfrontarse ás multinacionais ou ás eléctricas é En Común Unidas Podemos, “xa que somos as únicas que temos as mans libres para poder facelo”. A cabeza de lista de En Común adiantou que, de entrar no Goberno, unha das primeiras medidas que se tomarán en materia de industria será unha lei para poñerlle freo á deslocalización da industria, unha normativa que obrigue ás multinacionais que se asenten en Galicia a permanecer e defender os nosos dereitos laborais. 

No acto de Ponteareas tamén intervíu a candidata Ángela Rodríguez-Pam, quen defendeu a necesidade dunha universidade pública e gratuíta para que a xente nova teña dereito a estudar, e denunciou a continua privatización da sanidade pública que está a provocar a falta de profesionais nos centros de saúde, como estamos comprobando en tódalas vilas que visitamos estes días, onde é habitual atopar carteles que esixen pediatras ou médicos de atención primaria. 

A candidata por Pontevedra pechou a súa intervención destacando que “nós temos a posibilidade de que as nosas nais non choren porque non cheguen a final de mes, estamos preto, o Goberno do Estado pode decidirse na provincia de Pontevedra”, e fixo un chamamento á mobilización de todas e todos para conseguir que Unidas Podemos forme parte dun goberno de esquerdas. 

O catedrático Jaime Cabeza candidato pola provincia de Pontevedra destacou, na súa intervención, a importancia de defender un modelo constitucional que garanta traballos dignos e pleno emprego.  É importante defender o modelo constitucional de ter un traballo digno.

O acto estivo presentado polo concelleiro en Ponteareas, Lino Costas, quen sinalou que estas eleccións van ser moito máis decisivas para as nosas vidas do que pensamos, por iso é tan importante a mobilización e a implicación de toda a cidadanía. 

A candidatura de En Común Unidas Podemos anima ás mulleres, ás desempregadas e desempregados, ás pensionistas, ás traballadoras e traballadores precarios, á xente nova, a encher, o vindeiro domingo,  de abril, as urnas de votos valentes, para construír un Goberno para a xente e coa xente.