En Común-Unidas Podemos apoia as reivindicacións do persoal en folga de GRI Towers Galicia

Ledicia Piñeiro e Manuel Nogueira denuncian que este conflito laboral é outra consecuencia das reformas laborais de PP e PSOE tras manter un encontro coas traballadoras e traballadores desta multinacional.

Audio: https://bit.ly/2UHiA5m

Ourense, 18 de abril de 2019.- En Común-Unidas Podemos amosou este xoves o seu apoio ás reivindicacións do persoal en folga da multinacional asentada no Carballiño GRI Towers Galicia, que reclama unha dignificación das súas condicións laborais e salariais. A cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Ledicia Piñeiro, indicou que as traballadoras e traballadores da empresa de fabricación de torres eólicas “teñen todo o noso apoio neste conflito laboral”.

Para Piñeiro “isto non deixa de ser unha consecuencia máis das reformas laborais do PSOE e do PP, que temos que reverter. Estamos decididas a facelo porque están provocando flexibilidade e precariedade no emprego, abuso da contratación a tempo parcial e que non haxa unha regulación que defenda aos traballadores da represión que sofren cando reivindican os seus dereitos”.

“Estamos solidarizadas con esta causa e seguiremos pendentes para axudar e visibilizar”, indicou Ledicia Piñeiro. A candidata comprometeuse a que “o noso traballo” desde Madrid sexa para “conquerir máis dereitos para os traballadores e traballadoras”.

O candidato ao Senado por Ourense, Manuel Nogueira denunciou “a situación de precariedade» que vive o persoal da empresa, xa que esta “non cumpre” e apuntou que “precisamos unha reforma laboral xusta na que os dereitos dos traballadores estean recoñecidos”. Ademais, lamentou que no caso do Carballiño “están en perigo 450 postos de traballo directos” e a súa perda “repercutiría negativamente no tecido industrial da comarca”