En Común-Unidas Podemos chama á mocidade galega a ser decisiva o próximo domingo

As candidatas e candidatos da formación apelaron no acto de peche de campaña a que a xuventude tome nas súas mans o seu propio futuro para ser a xeración do cambio en Galicia.

Audio https://bit.ly/2V3Nntn

A Coruña, 26 de abril de 2019.- En Común-Unidas Podemos chamou este venres á mocidade galega a ser decisiva nas eleccións do próximo domingo no acto de peche de campaña celebrado na Coruña. A candidata ao Congreso, Yolanda Díaz, apelou a que «a xuventude tome nas súas mans o seu propio futuro para ser a xeración do cambio en Galicia» tras unha xornada na que a xente máis nova foi o eixo no que se centrou a actividade da formación tras o acto celebrado na Universidade pola mañá e este de fin de campaña pola tarde. Díaz afirmou que «levades esperando desde o 15M a que outras xeracións abran paso ao cambio en Galicia, pero xa está claro que isto se atrasa e só vós podedes tomar a iniciativa para definir o voso futuro».

O candidato pola Coruña, Antón Gómez-Reino incidiu nestas cuestións asegurando que «o voto útil para resolver os problemas que afectan á nosa xente moza é En Común-Unidas Podemos», xa que «o PSOE non os vai arranxar, sobre todo se o seu plan é facer vicepresidente a Rivera. Non queren derrogar as reformas laborais que vos condenan á precariedade e á emigración, non van regular os alugueres para frear os abusos dos especuladores que vos impiden acceder a unha vivenda e non van facer un sistema educativo accesible para todos e todas con matrículas universitarias gratuítas. Só nós podemos garantir iso». Ademais referiuse á loita contra o cambio climático, na que “a xente nova é a que está marcando o camiño na defensa do planeta. Son fundamentais porque son eles os que están encabezando a loita para frear o cambio climático”.

Nisto coincidiu Yolanda Díaz, que sinalou que «temos que construír un país democrático, feminista, republicano e igualitario que sexa capaz de crear un horizonte de esperanza para o planeta porque, como ben vides dicindo cada venres, só temos un, non hai planeta b». A candidata por Pontevedra apuntou ademais que “queremos que o goberno sexa quén de defender o noso país e que lexisle para solucionar os problemas da xente, que aposte polos nosos sectores estratéxicos e que defenda os intereses da maioría”. Isto reflíctese en que “somos o único grupo que non quere privatizar o sistema público de pensións, que quere apostar polo feminismo para poñer a vida no centro, e polo ecoloxismo como garante de futuro”.

Para concluír, Gómez-Reino remarcou que “Galicia marca a diferenza e o camiño no conxunto do Estado. Temos que mobilizar a todo o mundo. Nesta campaña crecemos moito e fáisenos curta, cada día notamos máis o apoio da xente pola rúa e en cada acto”. Por todo isto, o candidato ao Congreso amosou que “estamos convencidas de que imos ser quen de deter as dereitas e levar a voz dos galegos e galegas ao Goberno”.

No acto tamén estiveron presentes as outras candidatas e candidatos de En Común-Unidas Podemos ao Congreso e ao Senado das catro provincias galegas, que amosaron a súa satisfacción por ter rematado a campaña apoiando sectores tan importantes para Galicia como o pesqueiro ou o naval coa presenza do candidato á presidencia do Goberno, Pablo Iglesias, este xoves ou coa participación na manifestación do persoal de Alcoa desta tarde defendendo o sector industrial.