En Común-Unidas Podemos comprométese coa defensa da memoria democrática, da cultura e da lingua galega

Na presentación das propostas programáticas da formación nestas materias, Antón Gómez-Reino sinalou que temos dúas posibilidades a partir do 28A: un profundo retroceso ou avanzar colectivamente.

Audio: https://bit.ly/2ZrT02U

En Común-Unidas Podemos comprometeuse este luns coa defensa da memoria democrática, da cultura e da lingua galega nun acto celebrado na Fundación Luís Seoane para presentar as propostas programáticas da formación nestas materias. O candidato ao Congreso pola provincia da Coruña, Antón Gómez-Reino, sinalou que “estamos nun momento con respecto á memoria e á cultura no que hai dúas posibilidades. Por unha banda, un profundo retroceso que sería dramático, e por outra, intentar avanzar colectivamente”.

Gómez-Reino fixo balance da pasada lexislatura no tocante á cultura e á memoria, que “foi convulsa. No eido da memoria falta impulso, ámbito normativo e sobre todo, decisión política. No eido cultural fixéronse pequenos avances, como o Estatuto do Artista, pero faltan recursos e decisión executiva, por iso propoñemos protexer os traballadores e traballadoras culturais”. O candidato de En Común-Unidas Podemos destacou que “no cine fai falta un apoio máis decidido á produción audiovisual en lingua galega e debemos axudar tamén ás pequenas salas”. Ademais, avogou por un “apoio decidido á liberdade na rede e abordar unha xestión diferente dos dereitos de autor, que sexa limpa e transparente”.

Ademais, no que respecta á lingua galega reclamou o seu recoñecemento internacional, amosou o compromiso de En Común-Unidas Podemos coa Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias e defendeu o fomento da lingua galega no ámbito das administracións do Estado, onde “queda moito por avanzar”. Ademais, apuntou a necesidade de crear o estatuto do traballador do deporte.

Pola súa banda, a candidata pola Coruña, Loreto Taibo, detallou as medidas referentes á memoria democrática. «No noso programa vemos fundamental recuperar os bens expoliados pola familia Franco e poñer a disposición do público o que é de todas, como o Pazo de Meirás, a Casa Cornide ou as esculturas do Mestre Mateo». Taibo reivindicou tamén a nulidade das sentenzas dos xuízos franquistas e a creación dunha Lei Integral de Memoria, xa que “a actual é insuficiente e non está nunca dotada do orzamento necesario”. A candidata sinalou a necesidade de “facer censos de persoas desaparecidas e asasinadas, un mapeo das fosas comúns e recoñecer o dereito a interpoñer reclamacións xudiciais defendendo os dereitos humanos”. Por último, defendeu declarar a nulidade dos artigos da Lei de Amnistía “que di que poden prescribir os delitos de lesa humanidade”.

O concelleiro da Marea Atlántica, José Manuel Sande sinalou que no ámbito cultural “deben crearae novos modelos e plans de formación, realizar unha progresiva descentralización e fomentar a transversalidade. Ademais, indicou que é preciso transformar o concepto de evento primando a idea de coñecemento sobre a de espectáculo e estimular a concorrencia». A deputada no Parlamento galego e membro do equipo asesor do programa, Ánxeles Cuña, resaltou que “a memoria histórica é un tema fundamental hoxe en día, sobre todo para as que non queremos vivir na amnesia, as que non podemos esquecer a memoria do trauma. Desenvolver políticas públicas a favor da memoria histórica democrática debe ser unha misión principal».

A deputada na Cámara galega e secretaria de Municipalismos de Podemos Galicia, Luca Chao, indicou que “pensamos a cultura e a memoria como ferramentas democráticas fundamentais. Debemos defender o dereito de acceso á cultura e á memoria, cada vez máis ameazados”. Para concluír, o presidente da Academia Galega do Audiovisual e membro do equipo asesor do programa, Carlos Ares agradeceu o traballo feito no Congreso e remarcou que “a defensa da cultura tamén ten que ver coa defensa das condicións de traballo das persoas que se adican a ela. Por iso pedimos os mesmos dereitos que os demais.”