En Común-Unidas Podemos defenderá dende o Goberno a protección dos dereitos humanos e das persoas migrantes e refuxiadas

Yolanda Díaz declarou que é urxente acabar coa vulneración flagrante do dereito internacional no noso país tras unha reunión con membros da Rede Galega de Persoas Refuxiadas e do Foro Galego da Inmigración.

Audio: https://bit.ly/2PoVqdU

Santiago, 24 de abril de 2019. En Común-Unidas Podemos comprometeuse este mércores a defender dende o Goberno a protección dos dereitos humanos e das persoas migrantes e refuxiadas. A candidata ao Congreso,

Yolanda Díaz, Enrique Santiago e Loreto Taibo mantiveron unha xuntanza con membros da Rede Galega de Persoas Refuxiadas e do Foro Galego da Inmigración, e declararon que “é urxente acabar cos incumprimentos dos dereitos humanos e coa vulneración flagrante do dereito internacional no noso país”, lembrando que “nestas materias é onde o PSOE é menos de fiar”.

Para garantir este cumprimento, Díaz afirmou que “hai que modificar nna vindeira lexislatura as leis de inmigración e corrixir o retroceso que se produciu. O PSOE incumpriu un acordo de Goberno para regular a situación de persoas migrantes que están traballando en condicións  de escravitude, cando só precisaría un acto administrativo para ratificar o convenio da OIT”. A candidata por Pontevedra engadiu que tamén “cambiaremos as lei para facilitar a acollida de refuxiadas e refuxiados”. Yolanda Díaz considerou que “a chegada do Aquarius a Valencia foi flor dun día e hoxe estamos vivindo vulneracións dos dereitos humanos. É unha vergoña porque España debe estar á cabeza da súa defensa”.

A candidata valorou ademais o último debate celebrado entre os candidatos á presidencia do Goberno. “Os debates deben ser obrigatorios porque son máis transcendentais que outras actividades que se fan en campaña”, asegurou. Por outra banda, indicou que “Unidas Podemos gañou por goleada, pero o importante é que na campaña escoitamos os problemas da cidadanía e levamos propostas para resolvelos. Fixemos pedagoxía fronte a debates nos que o que existiu foi balbordo e insultos, sendo un bálsamo de educación e decencia. Acertamos en ser propositivas, educadas e respectuosas”.

O candidato ao Congreso e secretario xeral do Partido Comunista, Enrique Santiago, destacou que “a viabilidade do sistema de seguridade social e de pensións depende en boa medida das estranxeiras e estranxeiros que veñen a traballar e aportar. É absurdo que se lles negue o acceso a unha regularizarización da súa situación e que poidan fortalecer o noso sistema de benestar social”.

Santiago remarcou ademais que “os programas das forzas da dereita só defenden ás minorías e o PSOE ten serios problemas para levar adiante propostas que defendan a vida das persoas” e lembrou que “o PSOE renunciou a un Goberno de esquerdas e regalounos dous anos de recortes. Despois da moción de censura negouse a cumprir acordos que tiña asinados”.

Desta maneira, analizou que “vemos como o PSOE treme ante os poderosos negándose a derrogar a reforma laboral ou a acometer reforma fiscal para que paguen máis os que máis teñen. Os beneficios empresariais medraron un 64% durante a crise, mentres o peso impositivo recae sobre a clase traballadora”. Por todo isto, sinalou que “hai que ir a votar para defender os dereitos colectivos, especialmente nos lugares onde máis duros foron os efectos da crise”. 

A candidata ao Congreso pola Coruña, Loreto Taibo, declarou que “imos defender nas institucións o cumprimento da Declaraciópn Universal dos Dereitos Humanos. As persoas que migran fano por situacións de empobrecemento e exclusión social, das que todas fuxiriamos. Imos pular por ser un país solidario e de acollida”.