En Común-Unidas Podemos esixe a transferencia a Galicia, a nacionalización e a gratuidade da AP9

Antón Gómez Reino, Yolanda Díaz, Ángela Rodríguez Pam e Loreto Taibo sinalan que é imprescindible que haxa un Goberno valente no Estado despois do 28 de abril para que os galegos e galegas deixen de pagar as portas xiratorias vinculadas á autoestrada. 

Audio de Antón Gómez-Reino: https://bit.ly/2GrMJgb
Audio de Yolanda Díaz, Ángela Rodríguez e representantes das asociacións de veciños de Teis e Chapela:  https://bit.ly/2XpJLi1

A Coruña/Vigo, 17 de abril de 2019. En Común-Unidas Podemos esixiu este mércores a transferencia a Galicia, a nacionalización e a gratuidade da AP9. O candidato pola provincia da Coruña, Antón Gómez-Reino, sinalou en Sigüeiro, unha das vilas polas que pasa a AP9, que “é imprescindible que haxa un Goberno valente no Estado” despois do 28 de abril para que “os galegos e galegas deixen de pagar as portas xiratorias vinculadas á autoestrada”.

A candidata Yolanda Díaz, tras manter unha xuntanza coa veciñanza das parroquias de Chapela e Teis, apuntou que “nin o PP nin o PSOE van enfrontarse a Audasa e defender ás veciñas e veciños. Só o podemos facer nós porque non lle debemos nada a ningunha multinacional”. 
 

Díaz lamentou a actitude dos socialistas porque “o primero que fixeron ao chegar Sánchez á Moncloa foi retirar as demandas referentes á AP9. Din unhas cousas en campaña e logo fan outras nas institucións”.

Gómez Reino considerou que o próximo Goberno debe “tomar unha determinación definitiva sobre a AP9”. Así, lembrou que “xa defendemos no Congreso a transferencia” e indicou que “ao final da lexislatura aprobouse unha iniciativa para realizala, pero despois atopámonos con que o Goberno dixo que non se podía facer efectiva”. Por iso, “é imprescindible un Goberno valente”, xa que sabemos cal é a dinámica do bipartidismo, co PP e co PSOE sempre que hai perdas é o público quen as asume, e cando hai beneficios van para o privado”.

“A AP9 é a ferramenta fundamental de comunicación do Eixo Atlántico e da maioría da poboación do noso país. Non entendemos como unha infraestrutura que está sobradamente amortizada continúa dando beneficios privados”, afondaron os candidatos, ademais de denunciar que “é unha anomalía porque este tipo de infraestruturas na maior parte do Estado son gratuítas e xestionadas de forma pública”.

Gómez Reino tamén quixo deixar unha mensaxe para o presidente da Xunta, a quen reclamou que “basta xa de opereta política. Se Feijóo quere defender os intereses de Galicia, o que ten que facer é traballar polo autogoberno e que esta vía sexa transferida dunha vez por todas para que os galegos e galegas deixemos de pagar un prezo desorbitado por unha infraestrutura básica para o desenvolvemento do noso país”.

Para Yolanda Díaz, o ministro Ábalos “deixou claro que non quere transferir a AP9 aos galegos e as galegas, non quere facer ningunha política de bonificacións a Galicia”. Así, reclamou que “deixen de enganar á xente” e reivindicou que “a AP9 debe ser pública, gratuita e galega porque é a única vía de conexión de norte a sur no noso país. E unha cuestión de sentido común e de vontade política”.

Pola súa banda, a candidata por Pontevedra, Ángela Rodríguez Pam, afirmou que “non é normal que haxa unha autoestrada que pase polo medio das casas de Chapela e Teis». «Ninguén quere isto nin estar pagando unha peaxe por unha vía que emprega habitualmente”. Rodríguez indicou que “a AP9 a día de hoxe é aunha autoestrada para ricos e nós queremos recuperala para que poida circular por ela todo o mundo”. 

Mentres, os representantes veciñais apuntaron a necesidade de eliminar as peaxes, especialmente a de Rande, que cualificaron de “aberración”e poñer pantallas acústicas para evitar os ruídos que sofren a diario. Ademais, explicaron que é necesario “converter en urbano o tramo desde Torres de Padín ata Vigo. Con asfaltar só 30 metros, teriamos unha saída vindo polo sur. É absurdo que sexamos as únicas parroquias de España que pagamos por circunvalar a cidade”.