En Común-Unidas Podemos impulsará dende o Goberno unha economía feminista e derrogará as reformas laborais

Yolanda Díaz declarou que “o reto principal é garantir a igualdade retributiva entre homes e mulleres” nun acto celebrado en Vigo para presentar as propostas económicas da formación.

“As reformas laborais non serviron para avanzar, senón que foron reducindo os nosos dereitos. Ningunha abordou a igualdade entre homes e mulleres”

Audio: https://bit.ly/2IPtVsJ

Vigo, 23 de abril de 2019. En Común-Unidas Podemos manifestou este martes que impulsará dende o Goberno unha economía feminista poñendo os coidados no centro. “A nosa aposta, e o reto principal, é avanzar cara unha economía feminista onde os coidados estén no centro e se garanta a igualdade retributiva entre homes e mulleres”, aseverou a candidata ao Congreso Yolanda Díaz. 

Nun acto celebrado en Vigo para presentar as propostas económicas da formación destacou que “as reformas laborais non serviron para avanzar, senón que foron reducindo os nosos dereitos. Ningunha abordou a igualdade entre homes e mulleres”. Díaz incidiu en que “lonxe de avanzar en dereitos, colocaban máis esixencias para a conciliación. A carga dos coidados segue recaendo nas mulleres. Non foron reformas con enfoque feminista”.

A candidata puxo en valor ademais as iniciativas impulsadas na pasada lexislatura. “Das cousas máis importantes que fixemos no grupo parlamentar, foi a primeira Lei de Igualdade Retributiva”, aínda que España “é o único país que non executou medidas para a transparencia salarial”, resaltou.

O convidado ao acto, candidato ao Congreso e economista Nacho Alvárez cuestionou “o modelo de crecemento da suposta saída da crise». «Din que saímos da crise, pero millóns de persoas non o fixeron. De que serve crecer se se xeraliza a precariedade e a temporalidade e non somos capaces de avanzar para erradicar a fenda de xénero e facer unha transición ecolóxica?”. Así, considerou que “crecer ten que servir para mellorar a  situacion da mocidade e das mulleres”, xa que “un dos principais retos é erradicar a precariedade. O crecemento económico non está a garantir horizontes de estabilidade”.

Para Alvárez “neste país non houbo unha verdadeira política industrial”, posto que o que precisamos é “unha reforma estrutural para avanzar nun horizonte verde e morado”. Pola contra, afeou que “só coñecemos unha reforma, que erosionou o mercado de traballo e precarizou á sociedade”. E engadiu que “tamén necesitamos unha verdadeira reforma fiscal”.

O ensaísta e economista Albino Prada, valorou que “o crecemento non está servindo para a mellora do benestar social, España está a xestionalo moi mal e deteriorando a inclusividade social”.

«O crecemento serve para que os mesmos de sempre siguan gañando a guerra. Hai unha guerra de intereses que algúns queren seguir gañando. Son capaces de facer cómplices do seu bolsillo aos que lle compran a mercancía», sinalou Prada.

O coordinador do programa económico e deputado no Parlamento galego, Manolo Lago, que conduciu o acto, quixo salientar o traballo realizado no Congreso na pasada lexislatura, na que Yolanda Diaz presentou un proxecto de lei “completísimo sobre a reforma do sitema de pensións, a favor da igualdade retributiva, e contra a precariedade”. 

Pola súa banda, o candidato ao Congreso e catedrático de Dereito do Traballo, Jaime Cabeza, analizou a situación do mercado laboral, onde “o contrato parcial non voluntario introduce un elemento de vulnerabilidade que antes non existía. Outro elemento de precariedade é o crecemento do traballo autónomo sen dereitos”. Así, criticou que “houbo unha retirada de dereitos para os traballadores indefinidos, os indefinidos son máis precarios e os precarios están nunha peor situación”, nun contexto no que “domina o autoritarismo empresarial porque a reforma laboral degradou os dereitos colectivos e eliminou a democracia nos centros de traballo”. Ante isto, apostou por “atacar a onda masiva de precariedade e a crecente tasa de temporalidade”.

A profesora de Dereito Público na Universidade de Vigo, Almudena Bergareche, sinalou que “é imprescindible que os dereitos sociais se consoliden, xa que a Constitución non os garantiza. Temos que loitar por eles”.