En Común-Unidas Podemos levará as demandas de Lugo ao Congreso e ao Senado

As candidatas e candidatos da formación celebraron este mércores un acto en Lugo no que destacaron a subida do SMI que lle arrancamos ao PSOE, que fixo máis pola xente traballadora que o bipartidismo en 40 anos

Lugo, 24 de abril de 2019. En Común-Unidas Podemos comprometeuse este mércores a levar as demandas de Lugo ao Congreso e ao Senado nun acto celebrado na cidade amurallada. A candidata ao Congreso por Lugo, Vanessa Somoza, reivindicou que arrancarlle ao PSOE a subida do salario mínimo interprofesional a 900 euros fixo máis polos traballadores e traballadoras que o bipartidismo en 40 anos. «Nesta provincia o 40% das familias non chegan a fin de mes e temos dos salarios e pensións máis baixas do Estado. Que Unidas Podemos conseguise subir o salario mínimo a 900 euros fixo máis polas traballadoras e traballadores lucenses que os gobernos alternos do PP e o PSOE en 40 anos”, asegurou.

Antón Gómez-Reino, cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, destacou na súa intervención que “o 28 de abril temos unha gran oportunidade porque os votos da cidadanía valen o mesmo que os dos poderosos, eses que non se presentan ás eleccións pero que gobernan na sombra para os seus intereses”. Gómez-Reino incidiu en que “este 28A temos que ir votar porque existe a terrible posibilidade de que nos levantemos o luns cun ministro de VOX nun goberno que nos fará retroceder moitas décadas de dereitos” e apuntou que “o PSOE non é un voto útil porque foi quen asinou a reforma do artigo 135, o que non derrogou a reforma laboral, nin a LOMCE, nin a Lei Mordaza, o que permite os desafizaumentos mentres hai millóns de casas baleiras”.

A candidata Yolanda Díaz, centrouse na necesidade de defender os sectores estratéxicos de Galicia porque “é o que se fai nos países serios, como Alemaña, Francia ou Italia”. Así, preguntouse “para que serve o Ministerio de Industria se non se pode defender o emprego en Alcoa?” Para Díaz, “o Ministerio de Industria debe protexer os traballadores e traballadoras, defender a calidade das súas condicións laborais e negociar para frear a deslocalización cando as multinacionais ameazan con irse”. Así, apelou á confianza da xente o 28A para “seguir demostrando que se poden cambiar as cousas. Nós non queremos un relevo entre partidos no Goberno, queremos cambiar a vida da xente dende o Goberno”.

O candidato ao Congreso, secretario xeral do Partido Comunista e convidado ao acto, Enrique Santiago, reivindicou que “os poucos avances que se conseguiron nesta lexislatura foron polo traballo de Unidas Podemos, que lle arrancamos ao PSOE as políticas sociais das que agora presume. Conseguimos romper o bipartidismo e agora esixiremos o cumprimento dos dereitos humanos en todos os ámbitos”. De cara á cita electoral, Santiago chamou a mobilizarse e “loitar contra a abstención para conseguir mudar as cousas” tras unha crise que “consistiu en facer máis ricos aos ricos e máis pobres aos pobres”.

A candidata ao Congreso por Pontevedra, Ángela Rodríguez Pam, asegurou que “nós chegamos á política porque o bipartismo non estaba solucionando os problemas da xente”. Así, criticou que “nesta pasada lexislatura, lembramos que o PSOE non cumpriu o que dicía en campaña. Non se atreve a derrogar as leis que permiten que a sanidade siga privatizada”. Por outra banda, chamou a ir votar este domingo porque “as historias máis importantes non as escriben os políticos, escríbeas a xente. Temos que mobilizarnos e saír ás rúas estes tres días: falade con todo o mundo, non podemos permitir que Rivera sexa Ministro de Traballo”.

A deputada no Parlamento de Galicia e secretaria de Municipalismos de Podemos Galicia, Luca Chao, lembrou que “cando lle preguntaron a Sánchez se ía gobernar con Rivera quedou calado. Hai que encher ese silencio con propostas, co convencemento de que o 28 de abril Galicia dirá si ao futuro e non ás tres dereitas”. Nery Díaz, candidata ao Senado por Lugo, afirmou que “este equipo leva traballado máis que ningún outro partido polo ecoloxismo, o feminismo e para garantir unhas vidas dignas”. Nesta apreciación coincidiu a deputada no Parlamento de Galicia e coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, sinalando que “a partir do domingo a historia vai mudar moito con estas compañeiras, que van facer un traballo brillante”.