En Común – Unidas Podemos presenta a súa candidatura en Lugo para levar a cabo reformas que melloren a vida das persoas

Lugo, 9 de abril de 2019. A candidatura de En Común Unidas Podemos por Lugo arrincou este martes resaltando que En Común é o partido que conxuga en futuro para unha Galicia activa e que pule por medidas reais que melloren a vida das persoas.

A candidata número un pola provincia, Vanessa Somoza, resaltou, nesta presentación, a importancia destas eleccións para “deter a auxe dunha extrema dereita á que temos que parar os pés”. “Tamén temos que debater moito cun PSOE que non quere deter ás cloacas do Estado, quitar as medallas a Billy El Niño ou facer algo fronte a lei Mordaza”, aclarou.

Por todo isto, “pregúntome onde está a democracia senón podes facer un tweet ou escribir unha canción. Se a xente ten que marcharse, que no hai traballo. En Lugo somos o tercer municipio galego con máis pobreza ancorada, é dicir, onde non se pode saír. Todo isto temos que mudalo, derrogando as reformas laborais e por medio de leis que melloren a vida das persoas, porque se pode facer. Só falta vontade”, remata.

A cabeza de lista de En Común Unidas Podemos Yolanda Díaz quixo facer unhas reflexións sobre “os tempos trepidantes que estamos a vivir” por moitos factores, aínda que tamén é tempo de “importantes preocupacións, como a situación laboral e socioeconómica do país”. “Neste tempo, temos penas e alegrías, como foi botar ao Partido da Corrupción, aínda que asistimos a outras cousas tristes, como a aplicación do 155 en Cataluña, entre outras”, polo que aínda queda moito por pular, sobre todo en materia laboral. “Temos que lembrar que o PSOE non se vai enfrontar aos que mandan, por iso nestas eleccións nos xogamos todo”. “Estamos contentas, porque somos quen de por en valor o noso traballo e apostar por unha Galicia activa”.

Segundo dixo Antón Gómez-Reino, candidato pola provincia de A Coruña, “é imprescindible estar no centro das políticas do Estado para facer políticas para a maioría social galega, para dar un paso máis alá e facer políticas expansivas e de Goberno para todas”, apunta. A nosa intención é gobernar e “crear un futuro no que teñan cabida as maiorías sociais”.

Este mesmo aspecto foi resaltado por Ángela Rodríguez (Pam), que fixo fincapé na importancia de ter “un Lugo de futuro, con posibilidades, cunha universidade que en vez de mermar crecera cun grado, como o de robótica que vimos de coñecer agora na prensa, pero que sexa gratuíto”. “O feminismo tamén fala de futuro” e, cando falamos dun futuro En Común, queremos políticas por e para a xente para facelo posible.

Pola súa banda, Josito Pérez, integrante da candidatura por Lugo, dixo que “vivimos nunha provincia que nos últimos anos perdeu unhas 25.000 persoas, pechou empresas, granxas e se está quedando sen colexios. Eu son profesor e teño que escoitar a moita xente dicir que como se pode vivir aquí se non podemos ter escola para os nosos fillos. Todo isto é polos despropósitos dos últimos anos levados a cabo por parte do PP; algo que temos que cambiar En Común”.

A responsable de presentar o acto, Nemy Díaz, sinalou que “En Común nace para crear unha sociedade mellor, con proxectos de esquerda e de protección do medio ambiente”. “Creo firmemente nos colectivos que queren contribuír no ben común dende a solidariedade e o feminismo, por un horizonte vermello e verde”, dixo.