O cabeza de lista pola Coruña, Antón Gómez-Reino, e o membro de Libera, Rubén Pérez Sueiras, reclamaron un novo marco lexislativo para unha convivencia adecuada cos animais nunha visita ao refuxio de Apadan en Culleredo.
Audio: https://bit.ly/2ItkrUC
A Coruña, 18 de abril de 2019-. En Común-Unidas Podemos propuxo este xoves baixar o IVE dos servizos veterinarios e da alimentación para mellorar o benestar animal. Nunha visita ao refuxio de Apadan en Culleredo, o candidato pola Coruña, Antón Gómez-Reino, explicou que “non entendemos como o IVE que se ten que pagar polos servizos veterinarios é de luxo cando moitísimas familias conviven con animais domésticos. Teñen todo o dereito a un novo marco lexislativo para unha convivencia adecuada”. Deste xeito, o membro da Asociación Libera e do grupo asesor do programa da formación, Rubén Pérez Sueiras, indicou que “é necesario baixar o IVE dos servizos veterinarios do 21% actual ao 10% e reducir o de alimentación do 10% vixente ao 4%. Este tipo de iniciativas non só axudarán ás entidades protectoras de animais e refuxios, senón tamén a milleiros de familias que viron como esas subidas do IVE afectaron especialmente ao benestar dos seus animais”.
Gómez-Reino avogou tamén por unha lei de protección animal para avanzar na unificación de criterios. Como exemplo da disparidade existente na actualidade, Pérez Sueiras apuntou que o mesmo suceso de abandono pode ser sancionado en Galicia con 30 mil euros, en Castela A Mancha con 6 mil e en Aragón con 150 mil. “Como sociedade temos o desafío de desenvolver un marco lexislativo para unha nova sensibilidade na relación cos animais. No ámbito urbano está habendo importantes avances nos lugares que gobernamos, pero en calquera caso queda moito por facer. A sociedade civil vai moi por diante das institucións e temos que avanzar. É necesario facilitar a convivencia pública”, declarou Gómez-Reino.
O candidato pola Coruña sinalou tamén que “levamos varios anos traballando polo benestar animal nas Cortes, tanto a senadora Vanessa Angustia, como as deputadas e deputados temos levado iniciativas neste ámbito”. Polo tanto, “o noso compromiso implica unha mellora das condicións de vida dos animais e da convivencia nos nosos entornos urbanos e rurais”, continuou, xa que “o benestar animal atinxe tamén a ámbitos produtivos que no noso país teñen especial relevancia, como o agrícola”.
Gómez-Reino tamén quixo agradecer o traballo de Apadan, que “seguramente non é o suficientemente visible, pero é outro exemplo de como a sociedade civil fai a labor que non fan as institucións públicas”. Así, considerou que “estas iniciativas deben ter todo o apoio dende o Goberno do Estado”.
Rubén Pérez Sueiras insistiu na necesidade de evitar que os casos de abandono e maltrato de animais sigan quedando impunes. Para isto, ademais das iniciativas mencionadas, expresou que “hai que tratar tamén os aspectos educativos, traballando na empatía cara os animais con programas formativos. Queremos que a prevención do abandono comece desde a infancia”, concluíu.