En Común – Unidas Podemos propón blindar o dereito á vivenda na Constitución

Os candidatos pola Coruña, Antón Gómez Reino e Loreto Taibo, reclamaron xunto ás persoas afectadas do edificio da Patiña, a posta en marcha dun banco público de vivenda e a prohibición dos desafiuzamentos

Cambre, 16 de abril de 2019. En Común Unidas Podemos propuxo este martes blindar o dereito á vivenda na Constitución para garantir o seu cumprimento e evitar situacións como a que vive o colectivo de persoas afectadas polos fondos voitre no edificio da Patiña de Cambre. Os candidatos pola provincia da Coruña, Antón Gómez Reino e Loreto Taibo manteron un encontro con elas no que denunciaron que “A Patiña é un exemplo de como se vulnera sistematicamente o dereito á vivenda dende o Goberno do Estado”. 

Así o expuxo o cabeza de lista Gómez Reino, quen lembrou que “levamos 4 anos presentando iniciativas claras e contundentes a este respecto, que ademais se poden levar á práctica inmediatamente se hai vontade política. As medidas do noso programa queremos que sexan de Goberno na próxima lexislatura”. Desta maneira, indicou que “é fundamental que o dereito á vivenda pase a estar blindado na Constitución, desenvolvendo os mecanismos procedimentais necesarios”. Ademais, avogou pola posta en marcha dun banco público de vivenda, que recolla as vivendas da Sareb e teña mecanismos de cesión obrigatoria para os grandes posuídores de vivenda que a teñen baleira. “Esiximos a prohibición dos desafiuzamentos sen alternativa habitacional, como levamos dicindo moito tempo”, engadiu, e tamén citou a necesidade de lexislar sobre os prezos do aluguer ante a subida que se está dando en moitas cidades, como A Coruña. 

Pola súa banda, Loreto Taibo denunciou que a vivenda “sempre foi obxecto de especulación. Primeiro, nunha burbulla hipotecaria e agora estamos vendo outra burbulla nos prezos do aluguer”. Así, considerou que “isto ten sempre os mesmos suxeitos detrás, as entidades financeiras, ás que agora se sumaron os fondos voitre, como Blackstone, que están levando a cabo a mesma práctica abusiva en todo o país”.

Para Taibo, “Cambre é un exemplo desa mala praxe, como vemos no edificio da Patiña ou no de Hábitat Plus na Barcala. O que se fai é extorsionar aos inquilinos e subir abusivamente os prezos do aluguer, sabendo que non van poder pagar”. A candidata de En Común tamén se referiu a que “moitas destas vivendas eran de protección oficial, polo tanto existe complicidade, deixadez e falta de dilixencia por parte das administracións públicas”. Desta maneira, demandou a necesidade de actuar dende o Goberno porque “están deixando as familias en situación de total vulnerabilidade con absoluta impunidade para as entidades que fan negocio co seu sufrimento”.