En Común Unidas Podemos propón un programa para gobernar o Estado desde Galicia

Descarga un programa en común

As candidatas e candidatos presentaron as propostas programáticas da formación acompañadas polas expertas e expertos que o elaboraron, destacando a importancia de que Galicia teña unha centralidade propia na política estatal.

Santiago, 12 de abril de 2019. En Común Unidas Podemos presentou este venres o seu programa para as eleccións do 28 de abril, que contén propostas concebidas “para gobernar o Estado desde Galicia”.

Así o expresou o cabeza de lista pola provincia da Coruña, Antón Gómez Reino, quen recalcou que este “é un programa de Goberno” e polo tanto “moito máis ambicioso”. Gómez-Reino incidiu en que “necesitamos unha maioría lexislativa na Cámara e aspiramos a que Galicia teña unha centralidade propia nos elementos que conforman a política do Estado. Con este programa poñemos enriba da mesa quen está a favor e quen en contra de subir o salario mínimo a 1200 euros, de nacionalizar a AP9 ou de crear unha banca pública”. Ademais, puxo en valor o traballo realizado no Congreso durante a última lexislatura, do que “estamos moi orgullosas e orgullosos. Nestes anos as propostas lexislativas foron un dique de contención contra o PP e para que o PSOE non virase á dereita”.

A candidata Yolanda Díaz sinalou que “desde En Común sabemos que a cidadanía quere solucións aos seus problemas, como din as enquisas: o paro, a situación económica do país, a corrupción, a sanidade, as pensións, a educación e a dependencia”. Así, considerou que “a nosa obriga nesta campaña é ser serias e responsables e dar respostas claras, polo que debemos explicar como imos solucionar estes problemas presentando un proxecto de país. A xente quere iso e non escoitar balbordo”. Díaz denunciou que “a única que saíu da crise no noso país foi a banca, a xente non porque seguimos cos mesmos recortes”, e contra isto resaltou que as propostas de En Común están elaboradas por profesionais e referentes de todos os ámbitos.

Pola súa banda, a candidata por Pontevedra, Ángela Rodríguez (Pam), apuntou que as máis de 400 propostas que contén o programa están “vistas desde a perspectiva do feminismo de forma transversal”. De todas elas, destacou “a garantía de paridade nos cargos públicos das institucións e a loita fronte ás violencias machistas. “Hai un desenvolvemento moi profundo de medidas para evitar os asasinatos machistas. En Galicia non hai xulgados de violencia de xénero específicos e precisámolos, ademais de apostar por políticas preventivas”, recalcou.

Ademais, indicou a importancia das propostas polos dereitos do colectivo LGTBI, polos que “ningún grupo loitou tanto coma nós”, e reafirmou a vontade de pelexar polos servizos públicos. “Como hoxe é venres negro de novo na CRTVG, sumámonos ás súas reivindicacións, pero tamén están as enfermeiras e as investigadoras en negro. Os servizos públicos en Galicia están de loito e a mellor maneira para arranxar esta situación é votando a En Común”.

O economista Manuel Lago, coordinador do programa, enumerou as propostas máis relevantes en materia económica, destacando o obxectivo de que o salario mínimo interprofesional, “cuxa subida é un gran éxito de Unidas Podemos”, se sitúe en 1200 euros ao remate da lexislatura.
Lago abogou tamén por defender as pensións, “recuperando a actualización ao IPC e combatendo a fenda de xénero” e propuxo o establecemento dunha renda básica garantida de 600 euros mensuais ampliable a 1200. Ademais, detallou outras medidas como avanzar nun parque público de vivenda de aluguer, prohibir os desfiuzamentos sen alternativa habitacional, crear unha banca pública, recuperar o préstamo de 60 mil millóns de euros ás entidades bancarias, defender a industria galega, nacionalizar a AP9 e levar a cabo unha reforma fiscal para situarnos na media da UE. En materia de dereitos sociais, apuntou como fundamental derrogar a Lei Mordaza, elaborar unha Lei de Morte Digna e outra de Memoria Democrática que aacabe coas chantaxes da familia Franco.

A continuación, o catedrático Xaime Cabeza afondou nas liñas principais en materia laboral, especialmente a subida do salario mínimo “nun contexto no que só a dereita española fala de baixalo, mentres a europea o está subindo. Queremos saber se a Pedro Sánchez o salario mínimo de 900 euros lle suficiente”. Ademais, lanzou a proposta dunha xornada laboral de 34 horas semanais, “que permita conciliar a vida e integrar á xente que está no paro”, e remarcou a necesidade de loitar contra a precariedade.

“Somos os campións de Europa da precariedade laboral, da temporalidade e do abuso dos dereitos laborais. Nos mal chamados venres sociais non se fixo nada contra os problemas estruturais do mercado de traballo. Temos que recuperar a negociación colectiva”, concluíu.

No tocante á fenda salarial de xénero, Anabel Mariño falou da Lei de Igualdade Retributiva como ferramenta para loitar contra lea. “Precisamos elementos que permitan detectar esas fendas. A obrigatoriedade de transparencia das retribucións é moi importante, se as empresas cumpren coa transparencia dos salarios potenciarase a igualdade. Hai que atacar tamén a desigualdade estrutural. Os traballos feminizados teñen uns salarios medios moito máis baixos e precisamos políticas de regulación específica de determinados sectores”, salientou.

Por último, Mariquiña Lores referiuse as propostas en materia de sanidade. “Aínda que a competencia está transferida, foi o Goberno do Estado quen puxo as bases para a privatización, con leis aprobadas polo PSOE. O PP profundizou nelas e seguiu lexislando a favor da privatización, e logo o PSOE non derrogou estas normas cando chegou ao Goberno”, contextualizou.

Así mesmo, incidiu na necesidade de defender o dereito á interrupción voluntaria do embarazo na sanidade pública como unha das garantías imprescindibles para a saúde da muller, de desenvolver a Lei de Dependencia, e de garantir prazas públicas nas residencias de maiores.