En Común-Unidas Podemos resalta en Monforte a importancia de levar ao Goberno as propostas para Lugo

No caso concreto de Monforte, Vanessa Somoza sinalou que “é preciso e urxente a conexión do Porto seco, así como o impulso do corredor Atlántico de mercadorías do noroeste, para que sexa o referente que se merece”. 

Monforte, 22 de abril de 2019. A candidatura de En Común Unidas Podemos por Lugo estivo esta tarde en Monforte sinalando que En Común é «quen levará as propostas para a cidadanía de Lugo ao vindeiro Goberno».

A candidata ao Congreso por Lugo, Vanessa Somoza, resaltou a importancia destas eleccións para “deter o auxe dunha extrema dereita á que temos que parar os pés”. 

“Nestas eleccións temos algo tan importante nas nosas mans como definir o modelo de Estado e de país que queremos, un modelo baseado en avances sociais e loita a prol da clase traballadora, da nosa cidadanía de Lugo”, apuntou a Somoza.

A candidata resaltou que “En Común Unidas Podemos cumprimos con feitos e sabemos de que lado estar».

“A nosa candidatura ten as mans libres, non coma outras, que estaban máis ben interesadas nas portas xiratorias. Tamén nos avala o traballo das nosas compañeiras e compañeiros en materias moi importantes, como a suba do SMI ou das pensións”, apuntou Somoza. 

Respecto á economía, Somoza incidiu en que “o maior problema que padecemos tras esta mal chamada ‘crise’ é o desemprego e os empregos precarios, por iso unha das nosas propostas é derogar as dúas reformas laborais, que só buscan disciplinar aos traballadores e traballadoras e precarizar as súas vidas.

No caso concreto de Monforte, Somoza sinalou que “é preciso e urxente a conexión do Porto seco, así como o impulso do corredor Atlántico de mercadorías do noroeste, para que sexa o referente que se merece”. 

Na mesma liña, Begoña Pedrouzos, a número dous ao Congreso, resaltou tamén a importancia de levar a cabo leis e medidas que melloren a vida das persoas. Resaltou a importancia do feminismo, da empoderación da muller e o importante papel da muller no rural. “Creo firmemente nos colectivos que queren contribuír no ben común dende a solidariedade e o feminismo, por un horizonte vermello e verde”, dixo.

Pola súa banda, a candidata ao Senado por Lugo, Nery Díaz, lembrou que “precisamos persoas na política que non deban favores. En Común nace para crear unha sociedade mellor e para recuperar a nosa terra para a cidadanía”. 

“Chegou o momento de mirar polo medio ambiente, temos que coidalo, por nós e polos que veñen detrás», afirmou.

«Sabedes que o goberno á fronte de Monforte pagou dende o 2013 ata 28 multas por contaminación da depuradora costando máis de 500.000 € dos nosos impostos?», preguntou a candidata ao público, respondendo que «iso non se pode permitir”.