En Común-Unidas Podemos resalta en Sarria a importancia de levar a Galicia ao Goberno

Sarria, 23 de abril de 2019. A candidatura de En Común Unidas Podemos por Lugo estivo esta tarde en Sarria sinalando que En Común é o partido que levará Galicia ao vindeiro Goberno do Estado. 

A candidata ao Congreso por Lugo, Vanessa Somoza, resaltou a importancia destas eleccións: “Este domingo temos que decidir o modelo de país que queremos, e podemos elixir entre tres modelos: o de PP, Ciudadanos e Vox, que son o mesmo e queren levarnos a tempos escuros; o do PSOE, que como se demostrou onte, quere pactar con Albert Rivera; ou a opción que defende as liberdades, os dereitos e os servizos públicos; a opción que defende á clase traballadora: En Común Unidas Podemos, que levará Galicia ao Goberno».

Somoza incidiu en que “fai uns anos Sarria era a capital do moble, unha vila prometedora a nivel empresarial e industrial, con moitas empresas levantadas por particulares e pequenas familias que co seu traballo foron medrando e dando emprego a moitas persoas. Que foi desas empresas? Que pasou con Mobles Norte, López e Rodríguez, Martín Balboa, Javier Vázquez, Sogalsa ou Mobles Calvo? Que fixeron os diferentes gobernos para protexelos e protexernos? É unha obriga reindustrializar a comarca e investir na creación de emprego en condicións dignas”.

Begoña Pedrouzos, a número dous ao Congreso de Lugo, resaltou tamén a importancia de levar a cabo leis e medidas que melloren a vida das persoas, así como a importancia do feminismo, da empoderación da muller e do importante papel da muller no rural; así como nos colectivos que queren contribuír no ben común dende a solidariedade e o feminismo.

Pola súa banda, a candidata ao Senado por Lugo, Nery Díaz, lembrou que “precisamos persoas na política que non deban favores. En Común nace para crear unha sociedade mellor e para recuperar a nosa terra para a cidadanía”.

Comité de Empresa de Abante
Hoxe ao mediodía Vanessa Somoza estivo reunida co Comité de Empresa de Abante, en Lugo, empresa de telemarketing onde traballan arredor de 600 traballadoras e traballadores, que lle levaron unha serie de demandas debido aos problemas que teñen en materia laboral.

Pola súa banda, expresou unha serie de compromisos, como a derrogación das dúas reformas laborais, o cambio do Estatuto dos Traballadores, o control e intensificación das inspeccións de traballo, o plan antideslocalización (que contempla que as empresas que recibiron subvencións non podan abandoar o país en 10 anos), a aplicación da perspectiva de xénero nas relacións laborais, o fin das externalizacións ás ETT das tarefas correspondentes aos servizos de emprego públicos e a instauración do contrato indefinido (con todos os seus dereitos) como norma regular así como a fixación da xornada laboral en 34h á semana e un SMI de 1200€, entre outros.