En Común- Unidas Podemos será o garante no Goberno do sector do mar

Yolanda Díaz detalla algunhas das propostas da formación, como un novo reparto das cotas pesqueiras, a defensa das artes tradicionais ou acabar coas penalizacións nas xubilacións anticipadas ás traballadoras e traballadores do sector.

Vigo, 22 de abril de 2019. En Común-Unidas Podemos asegurou este luns que, coas propostas que contén no seu programa, será o garante da defensa do sector do mar no noso país.

A candidata ao Congreso Yolanda Díaz afirmou que “as iniciativas lexislativas que levamos estes anos ao Congreso deben ser iniciativas de Goberno a partir do 28 de abril”. Así, citou algunhas delas como un novo reparto das cotas pesqueiras, como a da xarda, a defensa das artes tradicionais ou arranxar os coeficientes redutores sen penalizacións nas xubilacións anticipadas ás traballadoras e traballadores do sector.

Díaz explicou que “temos que impulsar un cambio na aplicación da Política Pesqueira Común que a faga realmente transparente e participada por todos os sectores afectados”. O obxectivo é o de acabar con situacións como as actuais, nas que existe un reparto inxusto conforme a criterios económicos e ambientais, das posibilidades de capturas entre as distintas artes, frotas e territorios, así como unhas enormes posibilidades de tráfico e especulación cos dereitos de pesca, que afectan de maneira moi negativa á frota pesqueira galega.

En Común-Unidas Podemos defende ademais a revisión das idades anticipadas de xubilación dos traballadores e traballadoras, atendendo ás diferentes actividades, moi especialmente no Réxime Especial de Seguridade Social dos Traballadores do Mar. Desta maneira, propón modificar a norma que establece os criterios para determinar a pensión de xubilación neste réxime especial, de maneira que se valore efectivamente a penalidade do traballo realizado, non fixando os coeficientes en función da tonelaxe do buque ou do longo de eslora. Neste sentido, a formación xa presentou unha PNL “para reducir a idade de xubilación das redeiras, dos mariñeiros que traballan en alta mar e das persoas que traballan no sector do marisqueo en Galicia, así como ao recoñecemento das súas enfermidades profesionais”, lembra a candidata por Pontevedra.

Como xa defendeu nas Cortes, En Común-Unidas Podemos promove poñer en valor a pesca artesanal e lograr unha maior protección por parte da Unión Europea das modalidades tradicionais de pesca sostible, como a ‘arte do Xeito’, “que son motor económico e social de moitas zonas pesqueiras”, sinala Yolanda Díaz. Tamén se tomaron iniciativas, que agora figuran no programa electoral, para que o Goberno solicite da Unión Europea solucións na aplicación real e efectiva da norma de obriga ao desembarque de descartes, así como para a realización de estudos científicos sobre a situación de especies pesqueiras afectadas por plans de recuperación ou o peche de pesqueiras, ou para o establecemento de axudas á actividade do marisqueo.

Outras medidas que propón En Común-Unidas Podemos son asegurar ingresos dignos para o sector, avanzando nunha transición ordenada baseada na I+D+i e a diversificación, que defina con claridade e protexa a pesca artesanal e un modelo de acuicultura crecentemente orientado cara a sustentabilidade, o modelo multitrófico integrado e a acuicultura en extensivo.