“Fronte ao cheque da miseria do Goberno de Feijoo, é preciso rematar coa precariedade laboral na sanidade pública galega”

Galicia en Común-Anova Mareas súmase ás  demandas da Xunta de Persoal do CHUVI e defende un incremento dos recursos na Atención Primaria e hospitalaria,  así como a realización dunha OPE que contemple as necesidades de persoal sanitario

Vigo, 22 de xuño de 2020.-  A cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Eva Solla, xunto á número dous, Iria Figueroa, participaron hoxe na mobilización convocada pola Xunta de persoal do CHUVI fronte ao Hospital Álvaro Cunqueiro, na que se reclamaron melloras na atención primaria e hospitalaria, así como nas condicións laborais do persoal.

Eva Solla criticou a medida dos 250€ proposta por Feijoo como “un insulto e un burdo intento por parte de Feijoo de mercar ao persoal profesional sanitario, ás mesmas persoas que estiveron soportando o peso da organización do sistema sanitario durante a pandemia”.

“A precariedade do persoal, as contratacións precarias, a mala organización dos recursos humanos, implican listas de agarda inasumibles para a cidadanía” explicou Solla. “Na situación actual – engadiu – tras a crise sanitaria, os tempos alónganse e o panorama é peor que antes do mes de marzo”.

«Para o Goberno de Feijóo, -incidiu a candidata-, primou o lucro e interese non contratando o persoal necesario, incidindo deste xeito na precariedade laboral xa existente.Se continuaron cos contratos precarios, movendo incluso persoal durante a pandemia, algo que non é en absoluto recomendable». 

Pola súa banda, Iria Figueroa incidiu na nefasta xestión por parte da Xunta nos meses de pandemia. “Vimos duns meses moi duros, nos que a Xunta deixou o persoal sanitario a súa sorte, organizando eles mesmos a atención sanitaria proporcionada durante a pandemia, en moitos casos sen tan sequera os equipos de proteción individual axeitados” afirmou a candidata.

“Hai que eliminar a temporalidade que existe actualmente no SERGAS, necesitamos mellores condicions laborais para o persoal, condicións que ademais revertirán nunha mellora notable da atención así como na eliminación das listas de agarda para as persoas usuarias”, concluíu Iria Figueroa.

Aquí está o audio e nesta ligazón podedes ver o vídeo.