Galicia en Común acusa a Defensa de reactivar a venda dos terreos públicos de A Maestranza coa axuda do Goberno local

“O Ministerio actúa como unha inmobiliaria de luxo procurando negocios millonarios con terreos que son de todas coa necesaria complicidade do PSOE, que di unha cousa e fai a contraria”.
Audio: https://bit.ly/2Nmzkbg

A Coruña, 26 de outubro 2019.- Galicia en Común acusa ao Goberno de apurar a venda de dous soares na Maestranza coa activa e necesaria complicidade do Goberno local de Inés Rey cando está a piques de expirar a suspensión de licencias de edificación decretada polo anterior Executivo para, precisamente, protexer as parcelas da especulación inmobiliaria promovida desde Madrid.

“O Ministerio de Defensa, a través do Invied, está a operar como unha inmobiliaria de luxo especulando con terreos públicos que son de todas e todos os coruñeses a cambio de varios millóns de euros nunha operación perfectamente calculada desde Madrid para burlarse da veciñanza coa necesaria complicidade do PSOE, que di unha cousa na oposición e fai a contraria no Goberno”, manifestou hoxe o candidato e deputado pola Coruña, Antón Gómez Reino.

Na pasada lexislatura, Galicia en Común tiña presentada unha proposición non de lei para esixirlle ao Ministerio de Defensa a devolución sen custe ao Concello da Coruña das parcelas sitas no Campo da Estrada, na avenida de Metrosidero. A proposición fora aprobada no Congreso o 27 de xuño do 2017 aínda baixo a presidencia de Rajoy, e contou co respaldo do PSOE tras incorporar unha emenda para avanzar na creación dunha comisión bilateral Defensa-Concello que abordase a cesión de balde dos terreos.

Cómpre lembrar que, tal e como anticipaba un informe dos técnicos municipais achegado ao Ministerio, é moi posible que no substrato dos solares cos que Defensa pretende facer negocio, se atopen restos arqueolóxicos que son historia a protexer da cidade.

“É obvio que desde Galicia en Común non o imos consentir: eses terreos ao pé da Cidade Vella son e deben ser do Concello da Coruña”, advertiu Gómez Reino. O candidato lembrou que a primeira vez que a cidade lle reclamara a Madrid a devolución de balde deses terreos foi a través dunha petición do gremio de mareantes no 1840.

O vindeiro 31 de outubro remata o prazo dun ano de suspensión de licencias para a edificación que afecta ás dúas fincas da Maestranza que foi decretado polo anterior Goberno da Marea Atlántica ao fin de evitar que Defensa consumase os seus plans para especular con estes dous solares que pertencen a cidade da Coruña logo de varios intentos fracasados de ofertalos en poxas por mais de 25 millóns de euros.

Desde Galicia en Común urxiremos ao Ministerio de Defensa a que anule a transferencia das parcelas ao Invied (Instituto de Vivenda, Infraestruturas e Equipamento da Defensa) que opera como a súa filial inmobiliaria.

“Pretender encher as arcas de Defensa a costa de vender aos intereses urbanísticos espazos da nosa cidade que deben ser aproveitados como zonas verdes, equipamentos comúns e de lecer para todos e para todas deixa ben as claras cales son os espurios intereses e as prioridades do Executivo en funcións de Pedro Sánchez e da súa socia no Pazo de María Pita”, subliñou Gómez Reino.

Ante esta situación, esiximos ao Goberno do Estado que cumpra co acordado na Comisión e poña esas parcelas ao dispor do Concello da Coruña no prazo mais breve posible.

«O PSOE di unhas cousas cando está na posición e outras no Goberno. Votou a favor na Comisión, aprobouse a iniciativa e agora ten que cumprir co acordado», incidiu Gómez-Reino.

Galicia en Común vaise opor con firmeza a calquera intento de promoción inmobiliaria para edificar nun chan de alto valor patrimonial nunha cidade que suma unhas 22.000 vivendas baleiras.