Gómez Reino recolleu as reivindicacións de varias entidades, que denuncian “a absoluta complicidade entre a Xunta e as empresas concesionarias das residencias”
“As residencias de maiores non poden ser un negocio nin poden buscar a conta de resultados senón dar o mellor trato e servizo aos nosos maiores”, sinalou o voceiro
A Coruña, 19 de maio de 2020.- Antón Gómez Reino reuniuse esta mañá con representantes de varias entidades vinculadas ás residencias de maiores do país, como REDE, ASFAREBA, Domus VI San Lázaro, FAUDEMA, TREGA e a asociación de familiares da residencia San Carlos de Celanova.
Na xuntanza denunciaron unha situación que se leva dando varios anos nas residencias de maiores, como consecuencia da privatización do modelo, e que se agravou durante a crise do coronavirus. Lembraron que o 45% dos falecementos por coronavirus en Galicia se produciron nas residencias de maiores, con 90 residentes e 37 traballadores contaxiados só na residencia Domus VI San Lázaro, en Compostela.
Nese sentido trasladáronlle a Gómez Reino a súa preocupación pola falta de persoal e as condicións laborais do persoal das residencias. Estas entidades coinciden ao afirmar que existe unha “absoluta complicidade entre a Xunta e as empresas concesionarias das residencias”, sobre todo no caso concreto de Domus VI da que denuncian despedimentos, falta de vinculación coas familias e unha mala xestión nas residencias das que teñen a concesión.
O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas comprometeuse a “reverter a situación no marco da asistencia aos nosos maiores, que leva máis dunha década de recortes do goberno popular de Núñez Feijóo”. Segundo os datos recollidos no informe CSIC do 2019, Galicia conta cun 77% de residencias privadas por un 22% de residencias públicas, cifra que supera por pouco o 18% na provincia de Ourense que é ademais a máis envellecida do país.
Galicia en Común-Anova Mareas aposta por aumentar de maneira exponencial as prazas públicas co obxectivo de acadar un modelo de xestión 100% público a medio prazo, facéndose un seguimento dos servizos ofrecidos para garantir condicións dignas de atención e incrementando o persoal que atende aos nosos maiores.
Isto complementarase cunha mellora da atención domiciliaria para quen desexe permanecer na casa, mellorando as condicións laborais das profesionais de asistencia no fogar e a asistencia.
“O modelo actual resulta insuficiente”, sinalou Gómez Reino, “xa que permanecer no entorno cotiá ten que ser un dereito, igual que debería selo contar coas suficientes prazas para acudir a centros residenciais e de día”.
Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.
E aquí está o vídeo da rolda de prensa.