Galicia en Común-Anova Mareas comprométese a aprobar unha Lei de emprego que garanta a inclusión laboral dos colectivos máis afectados polo desemprego

Eva Solla: «Cómpre preparar a recuperación de Galicia tras do impacto da crise da Covid19, pero tamén urxe recuperarnos de once anos de Goberno do Partido Popular»

Iria Figueroa pulou pola defensa dos dereitos da maioría traballadora do país e pola recuperación de dereitos fundamentais a partires do 13 de xullo cun Goberno de futuro

Vigo, 23 de xuño.- Galicia en Común-Anova Mareas vén de presentar hoxe en Vigo a candidatura pola provincia de Pontevedra para as eleccións autonómicas do vindeiro 12 de xullo. Foi nun acto de rúa na histórica Praza de Compostela, coa intervención dos cabezas de cartel: Eva Solla, Iria Figueroa e Marcos Cal, números un, dous e tres da lista provincial, e no que estiveron arroupados polos concelleiros da Marea de Vigo, Rubén Pérez e Oriana Méndez.

Eva Solla destacou a relevancia da cidade de Vigo como motor laboral e industrial da provincia, onde as taxas de paro son extremadamente elevadas. “O Goberno da Xunta do Partido Popular deixounos unha perda de 54.000 postos de traballo no conxunto do país. Esa realidade é anterior á crise do coronavirus e está estreitamente relacionada coa ausencia de políticas públicas de emprego», manifestou.

«O PP -engadiu Solla- deixou de investir 135 millóns de euros en políticas de emprego, cartos que estaban nos orzamentos e non foron executados para crear emprego no noso país. Iso é unha auténtica desvergoña coa bolsa de pobreza que ten esta cidade e o conxunto do provincia”. 

“A Galicia que imos construír e pola que estamos dispostas a traballar a partir do día 12 de xullo é unha Galicia que non deixa a ninguén atrás” afirmou a cabeza de lista pola provincia. “Precisamos políticas activas de emprego», reafirmou Solla. 

Galicia en Común-Anova Mareas comprométese a aprobar unha lei de emprego que defina as políticas de inclusión e de inserción laboral para que as persoas que teñen menos oportunidades non queden atrás. As persoas paradas de longa duración, maiores de 45 anos e menores de 30 son colectivos vulnerables e «a Xunta ten que facerse cargo”., subliñpu a candidatoa.

«Durante os pasados anos, non só non houbo interese por parte do Goberno de Feijóo senón que nin tan sequera se executaron os orzamentos adicados a elo”.

Iria Figueroa, número dous pola provincia de Pontevedra, resaltou a defensa dos dereitos da maioria traballadora do país, “ao carón da que sempre vai estar” como elemento común das partes que forman a candidatura. A candidata puxo como exemplo o dereito a vivenda digna, “dereito vulnerado durante os once anos de Goberno do partido popular e de Nuñez Feijoo”.

“Desde Galicia en Común-Anova Mareas comprometémonos firmemente a garantir ese dereito a unha vivenda digna. Consideramos que é o momento de dicir que xa abonda, a partir do 12 de xullo deben rematar de forma definitiva as confabulacións entre o Goberno da Xunta e os fondos boitre que especulan cun dereito fundamental” matizou.

Pola súa banda, Marcos Cal, número tres da candidatura provincial, incidiu na pluralidade e diversidade da candidatura “como unha combinación moi positiva de persoas con diferentes experiencias tanto dentro como fóra das institucións”. “Unha candidatura que entende que é neste momento histórico no que nos xogamos que modelo de sociedade e de país queremos para o futuro”.

“É o momento de decidir se queremos seguir na senda da precariedade traída polo partido popular nos últimos once anos ou o momento de mudar a realidade e rematar con esta década negra de Feijóo”.

Aquí podedes escoitar e descargar o audio da presentación da candidatura en Vigo.