Galicia en Común-Anova Mareas comprométese a crear unha mesa de diálogo permanente co sector cultural

Luca Chao mantivo unha xuntanza telemática coa Asociación CREA e avogou por unha interlocución constante tras constatar o nulo interese do Goberno de Feijóo para consensuar medidas co sector
«Hai que garantir condicións de vida dignas para as traballadoras e traballadores, unha produción cultural propia de calidade e garantir a súa difusión na CRTVG», indicou Chao

Compostela, 4 de xuño de 2020-. Galicia en Común-Anova Mareas  comprometese a constituír unha mesa de diálogo permanente co sector cultural desde o futuro Goberno de progreso a partires do 13 de xullo. Así llo trasladou a candidata número dous pola Coruña, Luca Chao ao vicepresidente da Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia (CREA), Pablo Fontenla, nunha xuntanza telemática.

Durante a reunión, CREA denunciou que o plan de reactivación da cultura presentado polo Goberno de Feijóo non foi consensuado co sector. Ademais, a proposta da Xunta, «está unicamente centrada no turismo e baleira de contido, disfrazando o que xa existía, como amosa o feito que non se habiliten, por exemplo, novas partidas orzamentarias», destacou Chao.

O vicepresidente de CREA incidiu ademais en que todo o audiovisual galego uniuse por primeira vez para ter unha interlocución directa coa Administración a través da que agardan redefinir as políticas desenvolvidas ata agora e tratar asuntos como un convenio colectivo específico do sector para Galicia.

Neste sentido, Chao reafirmouse no compromiso de Galicia en Común-Anova Mareas de formar esa mesa de diálogo permanente co sector cultural, que inclúa por suposto o sector audiovisual, «compartindo o obxectivo de redefinir as políticas que lles afectan».

«O sector padece unha situación dramática. As traballadoras e traballadores da cultura son dos que están pagando máis directamente as consecuencias da crise sanitaria, toda vez que tivo que ser cancelada a inmensa maioría das actividades culturais do país debido á pandemia», lembrou a candidata.

Ante esta situación, denunciou, «a Xunta non fixo absolutamente nada. Só publicidade e propaganda, anunciando un plan de reactivación que non contou co sector cultural», lamentou, realizando de novo «un chamamento ao diálogo para buscar a mellor solución posible».

«Hai que garantir condicións de vida dignas para as traballadoras e traballadores, unha produción cultural propia de calidade e garantir que esta sexa difundida por canles propias. Non pode ser que a radiotelevisión pública de Galicia non sexa a principal vía de difusión dos produtos culturais galegos», concluíu

E nesta ligazón, podedes pinchar o vídeo co resumo da xuntanza.