“Galicia non merece un presidente da Xunta que elude o control parlamentario, despreza a democracia e non dá a cara”, sinalou Gómez Reino ás portas do Parlamento
Compostela, 19 de xuño de 2020.– O candidato á presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, trasladou hoxe á saída do Pazo do Hórreo o malestar de Galicia en Común-Anova Mareas pola decisión da Deputación Permanente de que o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, non compareza no máximo órgano de representación do pobo galego tras o “escándalo” da filtración do vídeo de Irene Montero.
“O PP fai uso da súa maioría absoluta e absolutista na Deputación Permanente”, sinalou Gómez Reino, “para privar aos galegos e galegas das explicacións sobre o uso e abuso que o PP fai das institucións en xeral, e dos medios de comunicación públicos, en particular”.
Galicia en Común-Anova Mareas presentou o pasado 5 de xuño un escrito, asinado tamén polo resto de grupos da Cámara Galega, onde solicitaba a comparecencia de Feijóo para explicar o uso da CRTVG ante un episodio “vegoñento e sen precedentes” co que se pretendía utilizar a televisión pública de todos os galegos e galegas con fins partidistas e se incumplía novamente a Lei de medios públicos de Galicia.
Gómez Reino quixo enviar de novo o seu apoio aos traballadores e traballadoras da CRTVG que, “como cada venres e van xa 109 reclaman unha televisión e radio sen inxerencias políticas”.
O voceiro e candidato reiterou que entre as propostas da formación para o vindeiro 12 de xullo atópase un cambio de “180 graos” na xestión da CRTVG apostando pola defensa dunha información pública plural, veraz e independente e co compromiso de recuperar as delegacións territoriais que suprimiu o PP no ano 2012.
Durante o debate na Deputación Permanente, e ante a negativa do Partido Popular a facilitar as comparecencias solicitadas, a voceira do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao tildou de “dejavu” a situación na que os conservadores están deixando a política galega.
“Benvidos ao déjà vu de maltrato e desprestixio da democracia. Porque unha vez máis convócase unha deputación permanente e asistimos perplexas ás negativas reiteradas do señor Feijóo de acudir á Cámara a dar explicacións, tal e como é a súa obriga”, criticou.
Chao afondou en que Feijóo “debería estar aquí para explicar como é posible que a televisión pública censure, faga propaganda e mesmo difunda off the records. Que explique ata cando imos ter que soportar a vergoña de que a radio e a televisión pública funcionen como unha sorte de NODO ao servizo do PP”.
Así, engadiu que “ignoran e silencian o Parlamento, acudindo unicamente cando os seus intereses electorais curtopracistas llo recomendan. E fano cos medios públicos. Cada día de Goberno do Partido Popular é un día mais de vergoña e descrédito dos medios públicos”.
Con respecto á petición de comparecencia do conselleiro de Industria pola situación que atravesa a empresa Noa Madera, á que o PP tamén se negou, a voceira incidiu en que se debe a que “é francamente difícil explicar que o resultado da política industrial da Xunta sexan 20.000 postos de traballo menos”.
Chao destacou que os despedimentos que pretende executar a empresa “serían duros en calquera parte do país, pero na comarca de Ferrolterra son dramáticos. Súmanse a unha sangría de destrución de emprego interminable”. Polo tanto, considerou que o Goberno galego “debería actuar. O conselleiro e o señor Feijóo deberan abandonar por uns minutos a campaña electoral e poñerse a traballar para aportar solucións”.
Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.