Galicia en Común-Anova Mareas demanda a Feijóo que se ocupen todas as camas baleiras dos hospitais privados antes de ubicar aos doentes en instalacións deportivas

A coalición considera que os hospitais de campaña «modelo Ifema» que está a valorar a Xunta “deben ser a última opción»

Antón Gómez Reino demanda ao Goberno galego o reforzo da teleasistencia domiciliaria e urxe a optimizar o uso de espazos hospitalarios infrautilizados

Compostela, 29 de marzo de 2020.- Galicia en Común-Anova Mareas demandou hoxe de novo ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo que poña de inmediato a disposición da loita contra o Covid-19 todos os medios técnicos e humanos dos hospitais privados do país, antes de plantexar a instalación de hospitais de campaña.

“Feijóo debe ser claro e transparente e explicar á cidadanía se vai montar camas en instalacións deportivas habendo camas libres nos hospitais privados do país”, sinalou o voceiro da coalición, Antón Gómez Reino, quen lembrou que a sanidade privada dispón en Galicia dun total de 2.285 camas, así como de 563 médicos e 1.744 profesionais de enfermería, entre outros medios materiais e humanos.  “Os hospitais de campaña modelo Ifema deben ser a última opción”, dixo.

Gómez Reino insistíu en que Feijóo debe informar de inmediato á cidadanía galega e dar conta exacta de cantos recursos dispoñemos no país, “e explicar cales son as necesidades dos hospitais”, despois de que se coñecera a través dos medios de comunicación que o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense carece de respiradores como os que o presidente galego ten cedido á Comunidade de Madrid.

Galicia en Común-Anova-Mareas tamén demanda ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo o inmediato reforzamento da Atención Primaria, aproveitando ao máximo todas as ferramentas das que dispón o Servicio Galego de Saúde (Sergas), para derivar o seguimento e control domiciliario dos doentes positivos en Covid-19 mediante o programa Telea. 

Telea é o acrónimo da Plataforma Tecnolóxica de Asistencia Domiciliaria do Sergas. Un instrumento de gran utilidade da rede pública que permitiría aos centros de Atención Primaria do país facer un seguimento completo dos doentes que deron positivo en Covid-19  e fican nos seus domicilios con síntomas leves, para facer un control mais exhaustivo e garantista para unha evolución favorable, e arroupalos no proceso de superar a enfermidade. O emprego de Telea na Atención Primaria permitiría asi descargar de traballo aos hospitais e facer un mellor seguimento da expansión do virus.

Por outra banda, Galicia en Común-Anova-Mareas leva semanas demandando ao Goberno da Xunta que asuma as súas competencias e garanta as axeitadas medidas de protección para o persoal sanitario. “Nun momento coma este é preciso que todos e todas coidemos a quen nos coida”, sinalou Gómez Reino. “E por iso a Administración pública non pode ficar atrás e debe entregar de maneira inmediata ao persoal as mascarillas, equipos de protección individual e luvas das que dispoña, así como os recursos técnicos e asistenciais para os doentes”.

Podes escoitar a Gómez Reino neste enlace