Galicia en Común-Anova Mareas derogará a Lei 1/2012 que anula dereitos laborais esenciais do persoal de Políticas Sociais

Eva Solla amosou o apoio por parte da coalición ás reinvindicacións do persoal de escolas infantís, centros de día e residencias de maiores

As candidatas sumáronse as mobilizacións do Comité de Vitrasa ante o Concello  na que demandaron medidas de protección, melloras na desinfección dos buses e Epis individuais 

Vigo, 18 de xuño de 2020.-  A cabezade lista de Galicia en Común-Anova Mareas pola provincia de Pontevedra, Eva Solla, xunto á número dous, Iria Figueroa, reuníronse este venres co comité provincial de Política Social da Xunta de Galicia, onde recolleron as principais reivindicacións do seu persoal.

“Desde Galicia en Común-Anova Mareas seguimos defendendo a derogación da lei 1/2012 para que se devolvan todos os dereitos negociados coa representación do persoal así como o aumento dos cadros de persoal tanto nas residencias, os centros de día e as escolas infantís”, afirmou Eva Solla.

Solla incidía na necesidade de mellora de todos os servizos dependentes da Consellería de Política Social e fixo fincapé en que se trata «da Consellería na que suceden máis accidentes laborais de toda a administración autonómica”.

“A mellora é absolutamente imprescindible nesta situación derivada da pandemia da covid-19, mais isto xa ven de antes. Tal e como fixemos na anterior lexislatura seguiremos apoiando as reinvindicacións do persoal”.

Iria Figueroa, número dous da coalición por  Pontevedra, defendeu a necesidade de “dotar dos medios dos que o persoal careceu durante a pandemia en materia de seguridade e prevención á hora do inicio do curso”, así como “levar a cabo unha importante incremento de persoal para, por exemplo, mellorar as ratios nas escolas infantís ante as novas necesidades derivadas da pandemia”.

Por último, Iria Figueroa lembrou que “trátase dun colectivo altamente feminizado, no que casualmente non se está aplicando o Plan de Igualdade que por obriga teñen tanto empresas como administracións públicas o deber de cumprir”.

Aquí podedes escoitar o audio de Solla e Figueroa.

E nesta ligazón tes o vídeo coa súa intervención.