Galicia en Común-Anova Mareas esixe a Feijóo que explique no Parlamento a filtración do vídeo de Irene Montero

“É intolerable que unha empresa pública se dedique a obter e difundir declaracións off the record para prexudicar e danar a imaxe dun rival político”

Madrid, 4 de xuño do 2020.- O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, anunciou hoxe que a coalición pedirá a comparecencia de Alberto Núñez Feijóo na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para que explique se a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) filtrou á prensa un vídeo con declaracións fóra de cámara da ministra de Igualdade, Irene Montero, realizadas antes dunha entrevista na televisión pública vasca.

“É intolerable que unha empresa pública se dedique a obter e difundir declaracións off the record para prexudicar e danar a imaxe dun rival político”, dixo.

O portavoz da coalición lembrou que a CRTVG foi a única canle autonómica do Estado que reclamou á ETB o vídeo íntegro da entrevista a Irene Montero, incluíndo as declaracións previas, que non foron emitidas seguindo as normas máis elementais da ética xornalística.

Ademais, subliñou que o comité intercentros da CRTVG reclamou ao ente público que abra unha investigación independente para aclarar a filtración, dado que, ao seu xuízo, non facelo pon en dúbida a profesionalidade dos traballadores.

“Feijóo utiliza os medios de comunicación públicos de maneira partidista e converteu á CRTVG nunha verdadeira Consellería de Propaganda ao seu servizo. Os xornalistas e traballadores da casa levan anos denunciándoo e creo que toda a sociedade galega é consciente de iso”, concluíu o candidato de Galicia en Común-Anova Mareas.

Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.

E aq está o vídeo coa intervención.