Ánxeles Cuña sinala que as propostas da Xunta son insuficientes para garantir o dereito de acceso á cultura e a protección do emprego
Compostela, 13 de maio de 2020. Galicia en Común-Anova Mareas criticou este mércores que o plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19 fía todo ao Xacobeo, ao considerar que as medidas anunciadas pola Xunta son insuficientes para garantir o dereito de acceso á cultura e a protección do emprego. Así o manifestou a deputada do Grupo Común da Esquerda, Ánxeles Cuña, en resposta á comparecencia do conselleiro de Cultura e Turismo no Parlamento.
«Non é consciente de que cae o seu plan estrela, e con el vense todo abaixo», declarou, incidindo en que «diante da destrución de emprego e caída de ingresos, as medidas que vai implantar o Goberno galego para paliar a situación non parecen estar á altura da gravísima situación».
Cuña afondou en que «a situación é tráxica, pero tamén é unha oportunidade de facer un cambio de paradigma real», xa que «hoxe máis que nunca temos que poñer a vida no centro». Pola contra, indicou que «é unha mágoa non poder felicitalos por un plan tan necesario nesta continxencia: o desamparo é terrible. Nin empatía, nin franqueza». Así, fronte a un novo exercicio de propaganda por parte do Partido Popular, reclamou «discursos claros e valentes. Digan a verdade».
A deputada demandou que as medidas deben ter presente o impacto da crise, así como a posibilidade de que poida ser maior «se non se acada acada a normalidade ata despois do verán» ou se se produce un repunte da pandemia no outono. Entre as consecuencias económicas nos sectores turístico e cultural, Cuña lembrou que «o 31% dos ERTES presentados en Galicia ata o momento corresponden a eles», tendo en conta que «pola intermitencia na contratación, moitas traballadoras non poden beneficiarse dos ERTES». Á vista destas graves consecuencias, reiterou a necesidade de medidas «que estean á altura».
Ánxeles Cuña tamén cuestionou a dotación orzamentaria, acusando ao Goberno de Feijóo de pretender unha «gran ganga cun plan a custe cero». Entre as preguntas non respondidas polo conselleiro, Cuña salientou que a máis importante é que partidas se reducen para financiar o plan, xa que non hai orzamento adicional.
«Reestruturan fondos da propia consellería equivalentes ao 17% do orzamento para 2020, pero non se indican as partidas de procedencia dos fondos que son minoradas para financiar as novas actuacións», apuntou. Polo tanto «os hipotéticos incrementos de recursos asignados ás medidas, terían a súa contrapartida na redución (polo mesmo importe) dos créditos asignados a outras medidas orzadas e necesarias para o desenvolvemento deses sectores. Vestir un santo e espir outro», concluíu.
A deputada afirmou que esta fórmula «non parece razoable e limita moito os potenciais efectos do plan», remarcando entre as insuficiencias do mesmo o feito de que «o Goberno galego é o único que non puxo en marcha medidas de axuda directa a autónomos e pemes do sector».
Para finalizar, Ánxeles Cuña citou outras eivas do plan da Xunta. Así, afeou a «opacidade e falta de transparencia» na forma de implementar as medidas, e lamentou que non garante dereitos, como a participación de todos os axentes culturais ou a libre creación e acceso á cultura trasladando as demandas de diferentes colectivos profesionais.
«Non demostran capacidade de interlocución co sector, hai moita xente ninguneada».
Aquí podedes descargar o audio da intervención.