Galicia en Común-Anova Mareas presenta o seu lema de campaña para as eleccións do 12 de xullo: “É o momento! Construírmos o futuro”

Antón Gómez-Reino: “Se a xente vai votar, perde Feijóo”

O candidato á presidencia da Xunta sinalou que este lema traslada o obxectivo de acadar un goberno progresista, transformador e de país

Martes, 16 de xuño de 2020. Galicia en Común-Anova Mareas presentou este martes o seu lema de campaña para as eleccións do 12 de xullo: “É o momento! Construírmos o futuro”. O candidato á presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, sinalou que este lema fala de que “o momento é agora. Fronte ao que se está dicindo, nós témolo claro. Nos últimos procesos electorais cando se mobilizou a cidadanía progresista, o bloque progresista conseguiu case 200 mil votos máis que o bloque conservador. Polo tanto, se a xente vai votar, Feijóo perde”.

Gómez-Reino resaltou ademais que Galicia en Común transmite desta maneira “un obxectivo claro da nosa candidatura, o de cambiar o poder político na Xunta de Galicia e construír con outros e outras un Goberno progresista, transformador e de país a partir do próximo 13 de xullo”.

O candidato á presidencia sinalou tamén que este lema “incide en algo que vai no noso ADN: a defensa do común. Cando falamos de defender o público, a sanidade, a educación, a lingua, o patrimonio, o autogoberno ou o medio ambiente, falamos de defensa do común”.

Do mesmo xeito, incidiu en que “nos diriximos ao conxunto de galegos e galegas, buscando empatía nun tempo de crispación deliberada. Nós non a queremos, quen a busca está tratando de ocultar as propostas políticas do noso espazo e do conxunto da oposición. Este ruído busca evitar que se dean os debates profundos que debemos dar como sociedade e que non haxa unha campaña como debe haber, na que se fale das propostas que temos cada un para gobernar este país. Os políticos non estamos para xerar problemas, senón para solventalos.

En defintiva, “buscamos a mobilización. Somos unha forza de goberno e estamos preparados e preparadas para o reto de gobernar Galicia. Somos xente que cumpre, como estamos demostrando no Goberno do Estado e cando estivemos noutros gobernos”.

Pola súa banda, a cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Eva Solla, declarou que “Galicia precisa reconstruír o país dende un punto de vista que aborde as necesidades sociais e económicas que temos”. “Temos que afrontar esa reconstrución tras máis de dez anos dun goberno que levou a Galicia a unha destrución do tecido produtivo, dos postos de traballo e dos servizos públicos”, engadiu.

Solla afondou en que estas eleccións “son unha oportunidade para impulsar os motores produtivos, afortalar os dereitos sociais e mellorar os servizos públicos, que durante estes meses abordaron a crise nunha situación de precariedade”. “Ábrese un tempo novo e queremos contribuír a construír unha nova Galicia na que ninguén quede atrás”, proclamou.

Por último, a candidata número dous pola provincia de Pontevedra, Iria Figueroa, considerou que “construír o futuro implica o labor de creación que temos por diante tras once anos nefastos de Feijóo. Isto pasa por reforzar o público, redistribuír a riqueza e apostar polos nosos sectores produtivos e estratáxicos e recuperalos para o público”.

Figueroa avogou ademais por construír un país con futuro para a mocidade, “moi golpeada durante os anos de goberno do PP”. Ademais, resaltou a importancia de “construírmos un futuro digno para as mulleres. Iso pasa por un horizonte de socialización dos coidados e do traballo reprodutivo, ao que Feijóo se negou todos estes anos, ignorando as voces das mulleres que llo dixeron nas rúas ano tras ano”. En definitiva, “temos que poñer a vida no centro”, concluíu.