Galicia En Común-Anova Mareas propón que a metade do salario das deputadas do Parlamento de Galicia se destine á loita contra o Covid-19

A formación vén de rexistrar un escrito no Parlamento para que os membros da Cámara galega perciban unicamente o salario base

Compostela, 6 de abril de 2020. Galicia En Común-Anova Mareas vén de rexistrar unha solicitude no Parlamento para que se reduza a nómina das deputadas e deputados ata unicamente o salario base, de tal modo que o excedente acumulado sexa investido na loita contra a crise do Covid-19.

A redución salarial proposta significaría que se destinaría a ese obxectivo en torno ao 50% das percepcións de cada deputada mentres dure a emerxencia sanitaria.

«A situación xerada polo Covid-19 precisa unha implicación activa de toda a sociedade, que fai un esforzo extra para atender todas as necesidades e non deixar a ninguén atrás», indica o texto da solicitude dirixida á Mesa da Deputación Permanente da Cámara.

«Neste sentido, as forzas políticas do país non deben ser alleas á situación xerada, senón contribuír activamente na loita contra a pandemia e a situación de crise sanitaria e social que padecemos», engade.

Do mesmo xeito, Galicia En Común-Anova Mareas, urxe ao presidente da Xunta a adicar todos os recursos financeiros necesarios para loitar contra o Covid-19.

Tal como expresou a formación nos últimos días, o goberno de Feijóo debe asumir as súas competencias e poñer en marcha medidas de apoio ás maiorías sociais para protexelas das consecuencias desta crise.