Galicia en Común-Anova Mareas propón que unha mesa de expertos estableza os criterios técnicos das medidas para enfrontar a emerxencia sanitaria en Galicia

Gómez Reino lémbralle a Feijóo que preside “un Goberno interino” e esíxelle que non basee a súa estratexia contra a crise “nun cálculo electoral”

A Coruña, 26 de abril do 2020.- O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, exporá hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a constitución dunha Mesa Galega de Transición Covid-19 formada por expertos independentes, que fixe os criterios técnicos sobre os que se adoptan as medidas relacionadas coa crise sanitaria.

Gómez Reino, que formulará esta proposta na reunión que manterá esta tarde co presidente do Goberno galego e cos portavoces do resto de forzas políticas do país, lembrou que Galicia en Común- Anova Mareas leva “semanas” expoñéndolle a Feijóo a necesidade de que explique cales son eses criterios e quen son as persoas que os establecen.

“Non sabemos sobre que parámetros fundamenta a Xunta a estratexia destinada a protexer as vidas das galegas e os galegos e a combater a expansión da epidemia, e cremos que son os técnicos e os expertos quen ten que definilos. Por iso propoñemos crear esa Mesa, que estaría tamén aberta á posibilidade de alcanzar acordos entre as forzas políticas do país ao redor das medidas que precisamos para enfrontar esta crise”, apuntou.

Gómez Reino lembrou que Feijóo preside “un Goberno interino” que xa estaría cesado ou en funcións de cumprirse o calendario electoral que el mesmo impuxo, e que, nunha stiuación como a actual “non pode permitirse actuar en soilitario sen ter en conta ao resto de forzas políticas”.

“A cidadanía pídenos unidade e colaboración e é unha imprudencia que Feijóo a desprece”, afirmou.

O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas criticou tamén que o presidente da Xunta estea a basear a súa estratexia de loita contra a epidemia “nun cálculo electoral”, facendo propostas e adoptando medidas “que non serven para frear ao coronavirus e que só pretenden contentar momentaneamente a determinados sectores de poboación “Feijóo ten que esquecerse das eleccións, ten que deixar de facer propaganda e centrarse en combater esta crise”.

Nese sentido, Gómez Reino lembrou que os datos de evolución da epidemia durante os últimos días en Galicia “son moi negativos” e están a provocar incerteza na poboación.

“No canto de facer propostas electoralistas e unilaterais para ordenar unha desescalada á súa medida, Feijóo debería explicar se a situación en Galicia permite pensar en iso”, concluíu.

Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.