Galicia en Común-Anova Mareas rebaixará a 15 a ratio de alumnos por aula en Primaria e en Secundaria

O candidato da coalición á Presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, considera “insólito” que Feijóo fose o único presidente autonómico que rexeita os 2.000 millóns a fondo perdido que o Goberno central ofrece ás comunidades autónomas para reforzar os seus sistemas educativos o próximo curso


Compostela, 10 de xuño de 2020.- O candidato á Presidencia da Xunta de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, asegurou hoxe que o Goberno de progreso que a coalición pretende conformar tras as eleccións autonómicas do 12 de xullo poñerá en marcha un programa de investimentos no sistema educativo para rebaixar a 15 a ratio de alumnos por aula en Primaria e en Secundaria, e para poder iniciar o próximo curso con programas específicos de reforzo para os alumnos con máis dificultades.

Gómez Reino criticou o rexeitamento do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á decisión do Goberno central de entregar ás comunidades autónomas ata 2.000 millóns de euros para reforzar os seus sistemas educativos e contratar o profesorado necesario para reducir a masificación nas aulas, permitindo así que os docentes conten con máis e mellores medios para exercer o seu traballo e para prestar maior atención a cada alumno.

“É insólito que Feijóo sexa o único presidente autonómico que rexeita unha medida do Goberno que pretende fortalecer a educación pública no país”, dixo Gómez Reino, quen defendeu que “contratar máis profesores e reducir a ratio de alumnos por profesor é a mellor maneira de garantir que os estudantes teñen o apoio necesario para compensar os máis de tres meses de aulas perdidas polo confinamento e a emerxencia sanitaria”.

Ademais, o portavoz da coalición alertou de que a negativa de Feijóo a empregar o diñeiro do Goberno para contratar máis profesores e reducir o número de alumnos por aula, pode dificultar o cumprimento das medidas de distanciamento necesarias para previr un rebrote da epidemia no outono. “Xusto no outono, cando reabren os colexios ao comezo do curso escolar, é precisamente a época na que, segundo Feijóo, existe máis risco de que se produza unha reaparición da Covid-19. Parece de sentido común que reduzamos a densidade de alumnos nas aulas”.

O portavoz da coalición, quen se comprometeu onte a garantir o acceso a Internet de alta velocidade a todos os estudantes galegos ao longo da próxima lexislatura, lembrou que a coalición xa propuxo á Xunta hai meses a posta en marcha dun plan de adaptación á actividade docente presencial para o próximo curso baseado en criterios de seguridade sanitaria e na garantía de igualdade de oportunidades para profesores, alumnos e persoal auxiliar, en todos os ciclos educativos.

Podes escoitar o audio de Gómez Reino aquí.

E nesta ligazón, o vídeo coa intervención.