Galicia en Común-Anova Mareas reclama a dimisión de Baltar por enchufar a 69 funcionarios na Deputación de Ourense

Antón Gómez Reino: “Feijóo é cómplice se mantén a Baltar no seu cargo”

A Coruña, 8 de maio de 2020.- O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, reclamou hoxe a dimisión do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitase o cuarto recurso presentado por ese organismo contra varias resolucións xudiciais que consideraron ilegal o concurso convocado por Baltar para ascender e promocionar a 69 funcionarios.

Eses traballadores, segundo considera a Xustiza, foron contratados de forma irregular e a súa promoción vulnerou os principios de mérito e capacidade que rexen o acceso e a mobilidade interna na función pública.

O fallo do TSXG esgota a vía dos recursos e confirma a validez da sentenza do xulgado de Ourense que hai tres anos considerou ilegal a actuación do organismo provincial.

“Esiximos a José Manuel Baltar que asuma as responsabilidades derivadas destes feitos, e dimita do seu cargo como presidente da Deputación de Ourense. Que a xustiza constate en cinco ocasións o enchufismo como ferramenta para adxudicar prazas de emprego público nese organismo é motivo dabondo para que Baltar deixe ou seu cargo”, dixo Gómez Reino.

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas tamén instou ao presidente da Xunta e presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo a destituír a Baltar como presidente do PP provincial de Ourense.

“Os recursos xudiciais presentados pola Deputación, e que só pretendían manter os ascensos ilegais de 69 funcionarios, foron custeados con fondos públicos. Feijóo é cómplice dese malgasto se mantén a Baltar no seu cargo”, concluíu.